Novas voces da Lingua nas redes
Moda, divulgación, música, estilo de vida, humor, lingua, videoxogos, activismo, política... sexa cal sexa o tema de interese, a creación de contido en galego contempla un espazo nas redes sociais no que compartir, aprender e entreterse. Desde a creación do premio Youtubeiras, do que fan parte, entre outras institucións o Concello de Pontevedra e o de Santiago de Compostela, até iniciativas como a do Tik Tok en Galego ou o Carballo Interplay, a conquista da lingua na creación de contido semella imparábel, unha realidade que permite falar da profesionalización, a diversidade de contidos ou a dinamización da lingua.
Dentro dos perfís máis temperáns, Orgullo Galego é un dos exemplos paradigmáticos. En 2016 nacía esta comunidade en rede, comezando a través de Facebook, mais chegando na actualidade a Instagram, Tiktok, Twitch, X... A día de hoxe o proxecto ten até 140.000 seguidores en Instagram, consolidándose como unha das comunidades en rede máis grandes do país. Un proxecto que, como explica un dos seus creadores, Borxa González, naceu para "divulgar sobre lingua, cultura, tradicións, temáticas de actualidade, humor". González explica o crecemento da conta a través de tres claves: o propio nome, que apela "a xente moi diversa"; a constancia de publicación; e a procura de "divulgar dunha forma máis actual" cuestións que poderían parecer máis académicas.
Crear con humor
Outro dos primeiros perfís en lanzarse ás redes foi Olaxonmario (Mario Brión), que en 2018 iniciaba a súa traxectoria en Youtube. Un contido que tamén foi evolucionando co tempo e que agora define de forma humorística como "extremista, nacionalista e radical", aínda que, adoptando un ton máis serio, recalca que, en realidade, só fai o que lle apetece. O creador destaca tamén a relación entre creación e actualidade, salientando que ás veces son os temas do momento os que marcan a axenda das redes. Como relata, "a indignación e o humor" son dous dos sentimentos que máis moven, remarcando que "moito do contido que se consome é para desconectar e relaxarse".
Un perfil que iniciou a súa andaina a través da plataforma de vídeo, neste caso na procura de evadirse da pandemia da Covid-19, foi María Rúa, coñecida en redes como Prado Rúa, aínda que agora é máis sinxelo atopala en Instagram ou Tiktok. Segundo ela mesma conta, todo o seu contido enmárcase dentro das cousas que a apaixonan: cuestións ligadas á identidade, á lingua, á cultura e á divulgación. Así, como argumenta Prado Rúa, nos últimos anos reconciliouse coa palabra "influencer", entendendo que "influenciar a xente é algo positivo sempre que fomentes bos valores". Aínda así, a creadora entende que é normal que o contido evolucione, asegurando que "é unha aprendizaxe, tamén aprendes doutras compañeiras, experimentas, probas cousas novas".
Se falamos de Tiktok, non se pode obviar o labor de Sara Seco. Abriu a súa conta en 2021 animada pola iniciativa Tik Tok en Galego, comezou a subir videoblogs e en pouco máis de 20 días superaba as 50.000 visualizacións. Así, os vlogs, a moda e o estilo de vida; algúns dos temas de maior impacto nas redes sociais, convertéronse en algo innovador por, como explica Seco, "estar feito en galego", erixindo con isto unha nova porta á creación de contido porque, como afirma Sara, "o galego ten que estar en toda a creación, tamén no superficial, niso que non che fai pensar".
Un exemplo semellante é o de Konachadas, creado por Nuria Grandío en 2021. Esta deseñadora gráfica empregou os seus coñecementos como profesional e decidiuse a crear "algo propio". Así, Grandío remarca que "as redes sociais son un espazo no que se está coa garda baixa", o que permite que "cun tratamento humorístico e de bo rollo" cheguen á xente mensaxes máis complexas. Aínda que Konachadas opta polo "contido banal", tampouco pode desprenderse da súa conciencia activista. Grandío, por tanto, avoga polo que chama "retranca consciente"; un humor máis inclusivo a través do que comunicar.
A era dourada
Se hai algo no que coinciden as creadoras é no bo momento da creación en rede e nas posibilidades laborais que isto ofrece. Así, Olaxonmario entende as redes como "un medio vertebral na cultura", remarcando a gran cantidade de persoas usuarias que consomen redes a diario e concluíndo que "a moita xente non lle fai falta saír en televisión porque se están lexitimando novas formas de ser persoas creativas". Prado Rúa, pola súa parte, salienta que "é posíbel vivir en galego, facer contido e gañar cartos". Para conseguir isto, Sara Seco incide en que un dos cambios fundamentais foi entender que o galego é tamén unha lingua apta para a publicidade, colaborando no seu traballo con marcas como Armani Beauty.
Nuria Grandío considera que unha das claves para chegar ao momento actual foi "o traballo activo das creadoras por adaptarse ás tendencias e convertelas en activismo galego". Borxa González, pola súa parte, valora moi positivamente a crecente diversidade de contido e entende que a presenza do galego nas redes demostra que "é un idioma vivo e moderno".
Bos recordos: a lingua en todos os sitios
Alén do que as redes ofrecen á sociedade, son tamén moitas as vivencias e a pegada que deixan nas creadoras e creadores de contido. Aínda que se hai algo no que a maioría parece coincidir é no agarimo que reciben e no orgullo das mensaxes que chegan aos seus perfís de persoas que deciden mudar de lingua ao galego grazas ao seu labor, porque sentirse recoñecida é positivo.
A creación de contido como axente normalizador e a súa consolidación como profesión atópase nun bo momento e certames como o Carballo Interplay, o premio Youtubeiras, o Galetiktoker ou o nomeamento aos Mestre Mateo de Olaxonmario a mellor comunicador no ano 2023 proban que hai unha industria que nace nunha lingua que vive.

