"Decidín finalmente falar aquí de Rosalía de Castro porque Galiza é, teño para min, o único país do mundo construído e mantido en vida polos seus poetas, e cunha muller en cabeza deles”, así xustificaba Basilio Losada a temática da súa intervención na cerimonia de ingreso na Academia como membro de honra. “Interesábanme especialmente as razóns que a levaron a escribir poesía en galego despois de iniciar a súa obra en castelán, e de facelo centrada sobre todo na narrativa", salientou esta mañá na sede da RAG.
Segundo recolle a Academia nun comunicado, Losada referiuse, en primeiro lugar, a La hija del mar, onde “xa se avanza a reivindicación da participación feminina na vida social, unha constante na obra de Rosalía. Nas súas novelas iniciais xa está presente non só a Rosalía feminista, senón tamén a súa visión existencialista ou a Rosalía social",apuntou. Tamén aludiu a Flavio, novela na que xorde tamén “a negra sombra”.
Para comprender a obra rosaliana, Basilio Losada recomendou Canon y subversión. La obra narrativa de Rosalía de Castro, publicado en 2012 pola Universitat de Barcelona e a asinado, entre outras, por Catherine Davis, Kathleen March, Helena González ou María do Cebreiro Rábade. Tamén sinalou a importancia das achegas de Pilar Pallarés, Pilar García Negro, Carmen Blanco e Francisco Rodríguez.
Losada agradeceu a Academia o nomeamento e comprometeuse a continuar a traballar en clave galega. "Seguirei pensando en Galiza todo o tempo que me quede de vida, e traballando polo país desde o meu campo de actividade", subliñou.
Alonso Montero cualifícao como "embaixador" das letras galegas en Barcelona
Xesús Alonso Montero, presidente da RAG, cualificou o homenaxeado de “embaixador”, desde 1960, das letras galegas en Barcelona. Amais de valorar os traballos publicados entre 1963 e 1971 en Grial, enxalzou as achegas de Losada á novelística rosaliana así como ao seu labor de tradutor de case 200 volumes e o seu activismo cultural.