Basilio Losada: premio Ramón Piñeiro e novo membro de honra da RAG

O profesor Basilio Losada vén de ser recoñecido hai uns días co Premio Ramón Piñeiro 'Facer País' e mañá sábado ingresará na Real Academia Galega como membro de honra.

Basilio Losada
photo_camera Basilio Losada

O profesor, tradutor e crítico literario de Láncara, primeiro catedrático de Filoloxía Galega na Universitat de Barcelona e embaixador da cultura galega en Cataluña, dedicará mañá sábado o seu discurso ás primeiras novelas de Rosalía de Castro, que será respondido polo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero.

Basilio Losada (Láncara, 1930), emigrante en Cataluña desde cativo, é unha das figuras máis senlleiras da cultura galega do noso tempo, cunha produción que vai da investigación e o ensaio á crítica literaria, a tradución e mesmo a creación. O seu ingreso na RAG celebrarase no salón de actos da institución, na rúa Tabernas, 11 da Coruña, nun acto de entrada libre a partir das 12 horas.
 
Como tradutor, grazas a el as letras galegas chegaron a espazos hispánicos a través das súas traducións ao castelán de Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, Uxío Novoneyra, Xohana Torres e un longo etcétera. Salientan os seus traballos Poetas gallegos de posguerra (1971), Poetas gallegos contemporáneos (1972) e Poetas gallegos de hoy (1990), publicados en edicións bilingües por editoras de fóra de Galiza. Tamén cómpre mencionar as súas traducións de voces poéticas catalás ao galego, así como de clásicos e contemporáneos do mundo lusófono ao castelán, faceta que foi recoñecida en 1991 co Premio Nacional de Tradución por Memorial do convento de José Saramago.

Losada é ademais autor de traballos de investigación e ensaios de carácter literario, parte deles publicados desde os anos 60 en Galicia, pero tamén activo divulgador a través dos medios de comunicación (prensa e radio), libros colectivos e conferencias. Unha dimensión esta última non menos importante, na que actuou como auténtico embaixador da lingua e a cultura galegas en Cataluña.

O seu labor mereceu o recoñecemento tanto do seu alumnado como de institucións do ámbito catalán, galego e lusófono. A Generalitat de Cataluña concedeulle a Creu de Sant Jordi, en Brasil recibiu a Orde do Cruceiro do Sul; en Portugal, a Comenda da Orde do Infante don Henrique; e en Galicia, a Medalla Castelao e o Premio Otero Pedrayo.

Esta mesma semana a Asociación Cultural Val de Láncara anunciou tamén que é o gañador do XIV Premio Ramón Piñeiro Facer País. O xurado valorou o labor deste lugués en favor da lingua e cultura galegas e a súa contribución á difusión da identidade galega por diferentes países. 

Comentarios