A revista 'Luzes' prende as rotativas

Será mensal e editarase en papel e en galego. Os seus impulsores son Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro e Iago Martínez. Un iluminado nome para un novo meio de comunicación que nace ''non para ocupar grandes baleiros'' senón para ofrecer xornalismo alternativo e cociñado a modo.

capaLuzes
photo_camera Capa do nº da revista 'Luzes'


"Non pretendemos satisfacer a demanda do que xa se quere, senón incrementar a oferta do que non hai". A declaración de intencións está tirada do manifesto fundacional do novo medio de comunicación imprenso que esta terza feira 29 ve a luz. E nunca mellor dito.

Coa revista Luzes de Galicia na memoria, o escritor Manuel Rivas e o xornalista Xosé Manuel Pereiro alentan a súa resurrección. Acúrtanlle o nome. Chamarase Luzes. Preséntase en Compostela (Porta Faxeira, 20.30h) após a publicación hai tres meses dun primeiro número, o nº0, que definía xa a folla de ruta do xornalismo que defenden: demorado, sen as limitacións de espazo que impón o papel. 

Citando a Arthur Miller, defenden no seu manifesto que "un periódico é unha nación mirándose a si propia" e sosteñen que o que ven "non nos gusta ou non nos recoñecemos nel". A este respeito, dixo Xosé Manuel Pereiro que "fóra das redaccións hai moi bos xornalistas e tamén dentro, mais que non poden escribir coa extensión e o tempo que lles gustaría". Por iso os de Luzes serán textos demorados no facer e na leitura. Queimar o tempo. Rachar coas présas. 

''Contar as historias que hai que contar''

"Os temas que hai que tratar non son os que interesan aos editores nin aos xornalistas, senón aos leitores, que son os verdadeiros donos dun medio de comunicación" pensado para "prender as luces" afundidas na imprensa convencional e, sobre todo e en palabras de Pereiro, "para contar as historias que hai que contar". Para alén do xornalista, actual decano do Colexio Profesional, e de Manuel Rivas, entre os impulsores do proxecto está tamén quen será o seu coordinador, Iago Martínez. 

Aliás, o Consello editorial confórmano Fermín Bouza, Lino Braxe, Xabier Seoane, Antón Patiño, Jonathan Dunne, Martine Silber, Ramón Chao, Débora Campos, Xoán Antón Pérez-Lema e Suso Iglesias. Do Consello de redacción fan parte Belén Regueira, José Manuel Sande, Juan Janeiro, Antón Lado, Manuel M. Barreiro, Tati Mancebo, Julio Gómez e María Yáñez. 

Máis en Letras e Ideas
Comentarios