Marga do Val traduce o poema de Günter Grass

A tradución para o galego do poema “Was gesagt werden muss” (O que cómpre dicir), que levantou unha interesante polémica en Alemaña.
Günter Grass
photo_camera Günter Grass

O pasado 4 de abril o escritor alemán e Premio Nobel, Günter Grass, publicou o poema “Was gesagt werden muss”, “O que cómpre dicir”, no Süddeutsche Zeitung e levantou unha interesante polémica que atravesou as fronteiras de Alemaña. Poesía comprometida que daba na chaga do grande problema alemán: a culpabilidade e a súa complicidade no Holocausto. Culpabilidade que condena ao pobo a silenciar calquera crítica a Israel, silencio que racha Günter Grass cando exixe o control “por unha instancia internacional do potencial nuclear israelí e das instalacións nucleares iranianas”. Pasado ao que apela o escritor que chama ao pobo a que se libere do silencio e non sexa cómplice do comercio coa xa feble paz mundial. Un compromiso que lembra o de Thomas Mann cando desde o seu exilio, a través das ondas da BBC, facía chegar a Alemaña a súa denuncia contra Hitler.
A publicación do poema provoca a condena de Günter Grass como antisemita en moitos sectores da sociedade e a prohibición de entrada ao seu país por parte do goberno de Israel.
Poucas foron as persoas que racharon o silencio e levantaron a voz na defensa do autor, a de J. Strasser, presidente do Pen Club alemán, e a de Wolfgang Gehrcke, deputado pola formación de esquerdas Die Linke.
O poema foi traducido a moitas linguas e provocou que se falase desa “ocultación”, por iso queremos que tamén se lea na lingua de Sermos Galiza.   

O que cómpre dicir

Por que calo, oculto tempo de máis,
O que é evidente e se adestraba
en xogos estratéxicos, en cuxo final, como sobreviventes,
só rematamos como notas de rodapé.

É o suposto dereito a un ataque preventivo
Que podería exterminar o pobo iraniano
Baixo xugo e guiado á ovación organizada
Por un farfallas
Porque nos seus dominios sospeitase
A fabricación da bomba atómica.

Mais, por que me prohibo,
Pronunciar o nome deste outro país
En que desde hai anos – aínda que mantido en segredo-
Se dispón dun crecente potencial nuclear
Mais fóra de control, xa que é
inaccesíbel a calquera inspección?

A ocultación xeral deste feito delitivo,
Á  que se someteu o meu propio calar,
Síntoa como unha gravosa mentira
E coacción que prognostica o castigo,
Mentres non se acate;
“antisemitismo” chámase a condena.

Agora, así e todo, porque o meu país,  
É, unha e outra vez, tocado e chamado a capítulo
Por crimes moi propios
Que non teñen comparanza,
De novo, con boca lixeira, aínda que
Logo tachada de reparación,
Debe entregar a Israel outro submarino, cuxa especialidade
É dirixir oxivas aniquiladoras
Cara onde non se probou
A existencia dunha soa bomba,
Aínda que se queira achegar como proba o temor,
Digo, o que cómpre dicir.

Por que calei até agora?
Porque cría que a miña orixe,
Sinalada cunha mancha indelébel,
Prohibíame atribuír este feito, como verdade evidente,
Ao país de Israel, ao que estou
E quero permanecer unido.

Por que o digo só agora,
Avellentado e coa miña última tinta:
Israel, potencia nuclear, pon en perigo
A paz mundial xa de seu esnaquizada?
Porque cómpre dicir
o que mañá poderá ser tarde de máis,
e porque –xa abondo incriminados como pobo alemán-
poderiamos ser comerciantes dun crime
que é previsíbel, polo que a nosa parte de culpa
non se podería extinguir
con ningunha das escusas de sempre.

Admítoo: non calo máis
Porque estou farto
Da hipocrisía de Occidente; é de agardar ademais
Que unha parte grande se libere da ocultación, esixa
Ao causante do perigo visíbel a renuncia
Ao emprego da forza e insista tamén
En que os gobernos dos dous países  permitan
O control permanente e sen pexas
Por unha instancia internacional
Do potencial nuclear israelí
E das instalacións nucleares iranianas.

Só deste xeito podermos axudar a todo o mundo, pobo de Israel e Palestina,
E aínda máis, á humanidade toda que nesa rexión
Ocupada pola loucura
Vive con inimizade porta con porta,
E en resumo axudarnos tamén.

Marga do Val

Máis en Letras e Ideas