Claudio Rodríguez Fer será investido Doutor Honoris causa pola Universidade de Alta Bretaña en Rennes o próximo 28 de xuño, a proposta dos Departamentos de Español e de Bretón. O escritor foi profesor convidado nesa Universidade en 1995 e mantén desde ese momento relación coa institución en que ten participado en recitais e encontros, ademais de ser tamén profesor visitante en Lorient, na Universidade de Bretaña Sur. Alén diso, o escritor participou en congresos e os seus textos recolléronse en varias publciacións.
A obra poética de Rodríguez Fer foi traducida ao bretón no libro Muioc'h kalz eget mil bloaz (Moito máis que mil anos). O escritor recoñece ademais a presenza celta na súa obra, nos poemas do libro Amores e clamores, en relatos do volume en Contos e descontos ou na súa memoria Meus amores celtas, publicada en Unión Libre.