A Asociación Cultural 'Val de Láncara' anuncia a convocatoria do XI Premio 'Ramón Piñeiro-Facer País'

O galardón recoñece o traballo senlleiro dunha persoa ou entidade a prol do desenvolvemento da Galiza. As entidades poderán presentar un máximo de cinco candidaturas até o 20 de agosto.

Outro ano máis a Asociación Cultural “Val de Láncara” abriu a convocatoria para o seu Premio “Ramón Piñeiro-FACER PAÍS”, e van once. O galardón foi instituído en 2002 para recoñecer o traballo senlleiro dunha persoa ou dunha entidade galega a prol do desenvolvemento de Galiza. Asociacións Culturais, entidades e colectivos culturais da Galiza poderán presentar as súas propostas até o día 20 de agosto. O premio non ten aportación económica e consiste nunha obra feita por un artista galego. O fallo darase a coñecer a finais de agosto e a entrega do premio terá lugar no outono en Láncara (Lugo).

O premio non ten aportación económica e consiste nunha obra feita por un artista galego

 

@s candidat@s presentad@s por cada non poderán ser máis de cinco e remitiranse á Asociación Cultural “Val de Láncara” (San Pedro de Láncara; Láncara; Lugo). Esta elaborará o documento-base, que enviará ás entidades participantes e convocará o xurado, integrado por representantes de institucións, asociacións e centros de ensino, que dará a coñecer o premio o día 27 de agosto, aniversario do pasamento do insigne galeguista Ramón Piñeiro.


Cartel anunciador
O cartel anunciador reproduce a ponte de Carracedo, en Láncara, e foi realizado por Isaac Díaz Pardo. Nas dez anteriores edicións o premio foi outorgado a: Isaac Díaz Pardo, Luís Tosar, Milladoiro, Xosé Manuel Beiras, Xosé Neira Vilas, A Nosa Terra, Avelino Pousa Antelo, Luz Pozo Garza, Real Academia Galega e Mini e Mero.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios