Zelenski descarta acudir ás conversas en Istambul se Putin non fai o propio
Todo indica que a quinta feira decorrerán en Istambul (Turquía) as primeiras negociacións directas entre Rusia e Ucraína desde os primeiros compases da invasión en 2022, e despois de que Kíiv emitira un decreto ese ano que vetaba as negociacións co líder ruso, Vladimir Putin, que o sábado fixo un chamamento para “reactivar” as conversas entre as partes.
Aínda que o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, buscaba ignorar as declaracións, mentres que con Alemaña, o Reino Unido, Francia e Polonia lanzaba un ultimato a Rusia, ameazando con novas sancións no caso de que non implementara unha tregua a pasada segunda feira, diplomáticos europeos admitiron ao xornal The Guardian que tivo que aceptar “por temor a ofender a [Donald] Trump”, presidente dos Estados Unidos.
Trump insistiu en que debía dar o visto e prace, minimizando de novo os plans no seo da Unión Europea para prolongar o conflito e ter algún papel na súa resolución.
Ao respecto, Zelenski anunciou que “agardarei Putin en Turquía, persoalmente”, mais o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, negouse a adiantar quen conformará a delegación rusa, polo que o equipo de Zelenski apuntou que non se desprazará se Putin non o fai.
Derrubo do MH17
Asemade, o Consello da Organización de Aviación Civil Internacional da Organización das Nacións Unidas (ONU) trasladou que nunha votación se aprobou considerar Rusia como responsábel do derrubo do voo 17 de Malaysia Airlines sobre Ucraína en 2014, no que faleceron 298 persoas.
A Xustiza neerlandesa chegara a esa conclusión culpando Moscova (que cualificou de nesgada a acusación) de prover as milicias do Donbás do sistema de mísiles que o derrubou.