Yolanda Díaz traslada ao Papa os decretos lexislativos do Estado para paliar a crise

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo agasallou Francisco cunha estola de plástico reciclado feita por Carmelitas Descalzas e unha edición especial de 'Follas Novas', de Rosalía de Castro
Diaz agasallou Francisco cun exemplar de 'Follas novas', de Rosalía.
Diaz agasallou Francisco cun exemplar de 'Follas novas', de Rosalía.

Yolanda Díaz visitou o Vaticano este sábado onde conversou co Papa Francisco sobre os decretos lexislativos que emprendeu o Estado para paliar a crise mais sobre o concepto de traballo, como axente social que dá dignidade e achega igualdade, informaron fontes do Goberno.

Neste sentido, aseguran que durante o seu encontro falaron en xeral destes asuntos sen mencionar especificamente a reforma laboral, e abordaron, ademais a crise derivada da pandemia e o cambio climático.

A propia Díaz, que acudiu acompañada do secretario de Estado de Emprego, Joaquín Pérez Rey, limitouse a asegurar que foi "un encontro moi emocionante". "Debo de ser respectuosa e non lles vou poder revelar o contido da conversación co Santo Pai", referiu aos xornalistas concentrados na Praza de San Pedro.

A cita durou uns 40 minutos. Como é habitual, ao non tratarse dun xefe de Estado ou de Goberno non está previsto que a oficina de prensa do Vaticano emita ningún comunicado.

Fontes do Executivo cualificaron a visita como un encontro cordial do que estaba informado o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, como xa explicou esta sexta feira a portavoz do Goberno, quen sinalou que o presidente sabía da cita desde hai quince días.

Polémica

A vicepresidenta preferiu non facer comentarios con respecto á polémica xerada despois de que a secretaría de Comunicación do PP de Madrid, Macarena Puentes, cualificase de "cumio comunista" o encontro co Papa.

Fontes do Goberno incidiron en que en ningún momento se tratou de instrumentalizar a visita ao Vaticano ou darlle visibilidade, aínda que cualificaron como "desconcertantes" as posicións dalgúns partidos con respecto a este encontro.

Así, recalcaron que durante a cita destacouse a necesidade de promover traballos que dignifiquen o ser humano para construír unha sociedade máis xusta e fraterna, unha idea que está presente na encíclica do Papa 'Fratelli Tutti'.

Non transcendeu se durante o seu encontro falaron dunha posíbel visita do Papa a Santiago ao ano que vén.

Regalos

A vicepresidenta segunda agasallou o Papa cunha estola feita de plástico reciclado e unha edición especial do libro de poesías da escritora galega Rosalía de Castro, Follas novas.

Os obsequios encarnan tanto a visión ecolóxica do mundo como a defensa dos migrantes que o Papa e Díaz comparten, sinalaron fontes gobernamentais.

Comentarios