A xustiza dá a Guaidó o control do ouro no Banco de Inglaterra

Tras escoitar as partes, o xuíz Nigel Teare concluíu que o Goberno británico o recoñeceu "inequivocamente" como "presidente interino constitucional" de Venezuela e que ten acceso legal ás 31 toneladas de lingotes que reclama o Executivo de Maduro.
2020070220314948310
photo_camera O Goberno de Nicolás Maduro tiña a intención de usar as reservas contra a pandemia (Juan Carlos Hernandez / dpa)

O Tribunal Superior do Reino Unido ditaminou onte que é a Administración ad hoc do líder opositor venezolano Juan Guaidó e non a do presidente Nicolás Maduro a que pode acceder legalmente ás reservas de ouro de Venezuela depositadas no Banco de Inglaterra.

Tras escoitar as partes, o xuíz Nigel Teare concluíu que o Goberno británico recoñeceu "inequivocamente" a Guaidó como "presidente interino constitucional" do país latinoamericano e é, xa que logo, a xunta do Banco Central de Venezuela (BCV) designada por el a que ten autoridade sobre as reservas de ouro.

O maxistrado tamén decidiu que "non é xusticiábel" ─é dicir, que non pode someter a exame─ a legalidade con base no dereito venezolano das designacións de Guaidó á xunta do BCV, declaradas nulas polo Tribunal Supremo de Caracas.

A decisión senta precedente e significa que o Banco de Inglaterra pode recibir instrucións da xunta designada por Guaidó, encabezada por Ricardo Villasmil, e non da designada por Maduro, presidida por Calixto Ortega.

Durante o proceso, o avogado da xunta de Maduro, Nick Vineall, argumentou que, aínda que o Goberno británico declarara nun comunicado en 2019 recoñecer a Guaidó como "presidente interino constitucional até que se organicen eleccións", na práctica "mantén lazos diplomáticos" co Executivo de Maduro.

O Banco de Inglaterra acumula 31 toneladas de lingotes de ouro propiedade de Venezuela valorados en 1.000 millóns de dólares. O Goberno de Maduro quere vendelos e usar os fondos para combater a pandemia, mais a entidade négase a devolverllos argumentando que o Reino Unido recoñece como Goberno lexítimo o de Juan Guaidó.

Embaixadora da UE

Por outra banda, Venezuela anunciou onte que non expulsará a embaixadora da UE en Caracas, Isabel Brilhante, a quen a principios desta semana o Goberno deu un prazo de 72 horas para abandonar o país, en resposta ás sancións adoptadas por Bruxelas en contra dunha ducia de altos funcionarios venezolanos.

Finalmente, o xefe da diplomacia da UE, Josep Borrell, e o ministro de Exteriores venezolano, Jorge Arreaza, falaron por teléfono e emitiron un comunicado conxunto coincidindo na "necesidade de manter o marco das relacións diplomáticas" e "facilitar os camiños do diálogo".

Comentarios