Der Spiegel pide que se denegue a entrega a España

A xuíza que interrogou Puigdemont ve evidencias de que a extradición pode ser "improcedente"

Non será a xuíza de Neumünster quen decida sobre a entrega a España de Puigdemont, senón o tribunal superior de Schlewig-Holstein, o land en que se acha o president.

Puigdemont, a semana pasada nun hotel da capital belga
photo_camera Puigdemont, a semana pasada nun hotel da capital belga

Puigdemont foi interrogado pola xuíza de Neumünster esta segunda feira. As súas competencias no asunto limítanse á identificación da persoa detida e a sinalar en primeira instancia se considera -ou non- que existen motivos para dubidar da pertinencia da extradición. Mais a decisión definitiva correspóndelle ao tribunal superior do land.

A xuíza escoitou os argumentos de Puigdemont por espazo de tres horas e media e, no auto ditado a seguir o interrogatorio, desliza unha frase que permite ao líder soberanista abrigar esperanzas. "Non cabe dúbida de que a orde detención europea inclúe indicios de que a extradición da persoa perseguida, despois da avaliación completa das cuestións xudiciais, podería ser denegada", reza o escrito.

Contodo, a xuíza ditou a reclusión de Puigdemont na prisión de Neumünster mentres non se tomar unha decisión sobre a extradición -o proceso podería demorar até 90 días- ao existir "risco de fuga".

A información sobre o auto ditado pola xuíz apareceu esta segunda feira no sitio web do semanario Der Spiegel, cabeceira que, por meio dun editorial, demandou ás autoridades alemás que deneguen a entrega de Puigdemont a España.  

O editorial de Der Spiegel asínao un dos seus xornalistas máis reputados, Jakob Augstein, quen critica acedamente as autoridades alemás polo arresto do político de Girona: "A detención de Puigdemont é unha vergoña. Para España. Para Europa. Para Alemaña".

Tamén nas columnas do liberal Süddeutsche Zeitung -o segundo diario de maior tiraxe de Alemaña, só superado polo popular Bild- apareceu esta segunda feira un artigo contrario ás pretensións da Moncloa: "Os españois reclaman a extradición de Puigdemon. Alemaña tena que rexeitar. Un político que utiliza meios pacíficos para loitar polos seus obxectivos non debería ir á prisión".

Comentarios