Xa é outono no Afganistán talibán

Boa parte da primeira comparecencia oficial do movemento talibán dedicouse a asegurar á comunidade internacional que os dereitos das mulleres serán respectados dentro da sharia. Isto é, non retroceder ao período en que non lles estaba permitido traballar fóra da casa nin estudar. Nin saíren á rúa sen tapar da cabeza aos pés. 
burqa_herat_MariusArnesen_CC
photo_camera Varias mulleres con burqa, nunha foto tomada en 2009. Entre 1996 e 2001, o seu uso foi obrigatorio (Foto: Marius Arnesen / CC)

Algunhas mulleres musulmás visten un pano para cubrir a cabeza. Outras, prendas similares dependendo do país, como o niqab, que tamén cobre a cara. Tapar a cabeza considérase un símbolo relixioso de humildade ante Deus.

No caso do Afganistán, o burqa tamén se converteu en símbolo, mais da opresión exercida sobre as mulleres polo Goberno talibán (1996-2001). Esta prenda cobre o corpo por completo, da cabeza aos pés, unicamente cunha reixa de malla ante os ollos para poder ver.

Na súa primeira conferencia oficial, os talibán aseguraron estar "comprometidos cos dereitos das mulleres baixo a sharia [lei islámica]". "Imos permitir que estuden e traballen dentro do noso sistema", sostiveron. Da cuestión da vestimenta non se falou.

Si que o fixo Suhail Shaheen, en entrevista coa cadea de TV británica Sky News. O voceiro do grupo en Doha (onde se desenvolveron as conversas de paz) sostivo que "o burqa non é o único hijab (velo, e por extensión o acto de cubrir a cabeza) que se pode levar. Existen diferentes tipos de hijab".

A 'autocensura', en todo caso, funciona con tanta ou maior efectividade que a prohibición. Segundo as axencias de noticias e medios internacionais sobre o terreo, as mulleres tomaron a decisión preventiva de adquirir un burqa. O rápido avance dos talibán levou a cidadanía, especialmente en Kabul, a apurar a retirada de diñeiro e a compra de produtos básicos. Entre estes, para as mulleres, está o burqa. A alta demanda provocou que o prezo da prenda se multiplicase até por dez esta semana.

Do hijab ao al-amira

Unha das xornalistas que o constatou é a correspondente da CNN Clarissa Ward, que nas últimas horas foi involuntariamente usada nas redes sociais para ilustrar o antes e despois da chegada talibán. Nunha primeira foto, aparecía coa cabeza descuberta; na segunda, tapada cun al-amira (con só a cara visíbel). 

Ward aclarou en Twitter que a imaxe inicial se tomara nunhas instalacións privadas e a posterior, nas rúas de Kabul, onde sempre usou un pano, aínda que non cubríndose totalmente como fai agora. "Así que hai diferenza mais non tan radical", clarificou.

Mais en Herat, informou Associated Press, os talibán xa repartían esta semana panos ás portas dos colexios para se cubriren as nenas. E fóra das principais cidades ─onde está posto o foco da opinión pública mundial─, especialmente no rural, os relatos en redes sociais ─sen verificar xornalisticamente─ aseguran que o retroceso de dereitos para nenas e mulleres xa está en marcha.

Comentarios