xoves 16/09/21

"Compromiso" talibán cos dereitos das mulleres "respectando a sharia"

"Non queremos problemas coa comunidade internacional", aseguran.
afganistan_unicef
Case dez millóns de nenas e nenos necesitan axuda humanitaria no Afganistán, alertou Unicef (Foto: Unicef)

"Imos permitir que as mulleres estuden e traballen dentro do noso sistema". "As mulleres van ser moi activas dentro da nosa sociedade, dentro do noso sistema", sinalou esta terza feira Zabihullah Mujahid, o principal portavoz dos talibán, a preguntas dos xornalistas. 

Estamos "comprometidos cos dereitos das mulleres baixo o sistema da sharia [lei islámica]", insistiu, e sostivo que "van estar traballando ombro con ombro connosco". "Non haberá discriminación", asegurou.

Os insurxentes, que tomaron o control do Goberno do Afganistán na fin de semana, ofreceron hoxe en Kabul a súa primeira conferencia de prensa. Alí sostiveron que desexan ter relacións pacíficas con outros países. "Non queremos ningún inimigo interno ou externo", afirmou Mujahid.

"Ninguén será danado", manifestou Mujahid. "Non queremos ter ningún problema coa comunidade internacional", engadiu, sinalando que "o territorio do Afganistán non será usado contra ninguén", en referencia ao temor que sirva de novo como refuxio de Al Qaeda ou doutros grupos extremistas. Tamén asegurou que se respectará o traballo da prensa, mais advertiu que "os medios non deberían traballar contra nós".

"Temos o dereito a actuar de acordo cos nosos principios relixiosos. Outros países teñen diferentes visións, normas e regulacións... os afgáns teñen o dereito a teren regras de seu e regulacións en concordancia cos nosos valores", declarou o portavoz.

Movemento de pezas

Nas horas previas, o portavoz do Departamento de Estado dos EUA, Ned Price, declarara que valorarían a posibilidade de recoñecer un Goberno talibán se "defende os dereitos humanos e rexeita os terroristas".

Tamén a China e Rusia seguen a facer achegamentos aos talibán. Beijing, que busca protexer os seus proxectos de investimento en Asia Central e evitar a propagación do terrorismo rexional, dixo que agarda unha transición "pacífica" e que os talibán aposten por un "islamismo inclusivo". 

E Moscova, que aspira a recuperar a influencia perdida no Afganistán, dixo non ter "presa" por sacar o movemento talibán da lista de "organizacións terroristas" mais considerou un "sinal positivo" a disposición destes de crear un Goberno diverso.

A comparecencia dos talibán chega un día despois das escenas de caos no aeroporto de Kabul durante a evacuación de diplomáticos dos EUA e de países aliados. Numerosos civís, desesperados e atemorizados ante a chegada dos talibán, ateigaron a terminal e as pistas de despegue. Polo menos sete persoas morreron no tumulto, varias cando se quixeron aferrar a un dos avións.

Os talibán comprometéronse no pacto asinado en 2020 que non atacarían as forzas estranxeiras durante a súa retirada. O presidente dos EUA, Joe Biden, volveu defender a súa decisión, afirmando que tivo que elixir entre combater sen fin ou respectar o acordo negociado polo Goberno do seu predecesor, Donald Trump.

Ante as críticas do seu propio corpo diplomático, Biden culpou os líderes políticos e o Exército afgáns do regreso talibán. Deste mesmo modo pronunciouse o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, acusando os políticos afgáns de falta de "liderado".

Neste sentido, o vicepresidente afgán, Amrulá Salé, reivindicouse na terza feira como líder de facto do país tras a fuxida do até o domingo presidente, Ashraf Ghani. Salé xa advertira de que "nunca" e "baixo ningunha circunstancia" se rendería fronte aos "terroristas", e que tampouco aceptará ningunha negociación. 

comentarios