luns 25.05.2020

Redes de apoio desde Cuba na pandemia

A maiores das profesionais mobilizadas nas misións médicas cubanas, o Goberno da illa achegou persoal para reforzar os sistemas sanitarios de máis de 20 Estados durante a pandemia da COVID-19. Accións marcadas polas constantes críticas de Washington, que endureceu os embargos a Cuba. 
Italia é o primeiro país do continente europeo en recibir axuda médica desde Cuba (Imaxe: Europa Press)
Italia é o primeiro país do continente europeo en recibir axuda médica desde Cuba (Imaxe: Europa Press)

"A COVID-19 é un reto global, que non distingue fronteiras, ideoloxías ou niveis de desenvolvemento, puxo en proba os sistemas sanitarios de todo o mundo e a nosa capacidade de resposta ante eventos epidémicos". Así arrancou a intervención do ministro cubano de Saúde Pública, José Angel Portal, na 73ª Asemblea Mundial da Saúde.

Nela, Portal destacou que 26 brigadas médicas cubanas, integradas por máis de 2.300 colaboradoras e colaboradores, cooperan en 24 países para conter a pandemia causada polo SARS-CoV-2. "A eles súmanse os máis de 28 mil profesionais da saúde que xa se atopaban en 58 nacións", salientou, en referencia ás misións médicas cubanas postas en marcha por Fidel Castro nos anos 60. 

Brigadas contra o virus

Desde o inicio da pandemia, Cuba trasladou profesionais sanitarios a territorios cunha grande incidencia do coronavirus, como Italia, ou especialmente vulnerábeis á enfermidade, caso de Gambia ou Togo no continente africano. A finais de abril 21 Estados contaban coa asistencia de profesionais cubanos segundo o chanceler Bruno Rodríguez: 11 no Caribe, 4 en América Latina, 3 no continente africano e outras 3 no europeo.

No Estado español, o Executivo estatal decidiu declinar o ofrecemento asistencial do Goberno cubano. O Goberno de Pedro Sánchez tampouco prevé sumar ás profesionais sanitarias cubanas residentes en territorio estatal e pendentes da homologación do seu título.

Tanto o Goberno valenciano coma o catalán amosaran o seu interese en solicitar este apoio ou na validación dos estudos das residentes, ambas as dúas descartadas polo Executivo estatal. 

Ataques de Washington

O internacionalismo cubano foi posto en dúbida en todo momento polo Executivo dos Estados Unidos, cuxas críticas respecto ás misións médicas cubanas recruaron a partir de febreiro de 2020.

Segundo recolle The Guardian, Washington acusou a Habana de "explotar" o seu persoal sanitario. "Nun informe, suxeriu que as condicións de traballo, salarios baixos e coaccións ascenderon á 'escravitude moderna'". O 13 de maio, os Estados Unidos incluíron Cuba na lista negra de países que non colaboran coa loita antiterrorista.

En consonancia co ditado pola Casa Branca e o seu líder, Donald Trump, Ecuador, Bolivia ou Brasil teñen criticado as misións médicas, cuxas profesionais remataron abandonando os tres Estados. O brasileiro é un caso singular. Dous anos despois de suspenderse o programa Máis Médicos, o Goberno presidido por Jair Bolsonaro informou de que as traballadoras cubanas residentes no Brasil verían validada a súa carreira para traballar nas áreas máis vulnerábeis e facer fronte á COVID-19.

“Máis Médicos achegou asistencia sanitaria a poboacións indíxenas, a lugares coma o Amazonas onde nunca antes viran médicos”, explica John Kirk a The Guardian, un académico da Universidade de Dalhousie en Nova Escocia que ten entrevistado e observado o labor das profesionais cubanas. 

O coronavirus na illa

O 20 de xaneiro, Cuba xa contaba cun plan de detección e control da pandemia. Nun artigo publicado en The Conversation, a investigadora asociada do Instituto das Américas na University College de Londres, Emily Morrison, e o docente especializado en Saúde e desastres na mesma institución, Illan Kelman, destacan a rapidez de resposta da illa. Posíbel, salientan, en tanto que ostenta a ratio máis alta de doutoras e doutores por habitante e prové dun acceso universal e gratuíto o seu sistema sanitario.

Entre as dificultades que presenta a contención da enfermidade salientan o endurecemento das sancións dos Estados Unidos que dificultaron aínda máis o acceso a subministros sanitarios. O 11 de marzo confirmáronse os primeiros casos de contaxio por coronavirus.

O 18 de maio, segundo recolle o xornal Granma, o voceiro de Saúde Pública cubano, José Ángel Portal, informou de que 295 pacientes dos 1.881 detectados durante a emerxencia sanitaria continúan hospitalizados. A Habana reportou un total de 79 falecementos ligados ao coronavirus. 

comentarios