A violencia despraza 30.000 persoas en Colombia

Segundo o informe da Defensoría do Pobo de Colombia, 85% das persoas que se mobilizaron pertencen a poboacións afro e indíxenas.
colombia_desprazados
photo_camera Protestas en Bogotá contra a vaga de violencia que sacode Colombia (Foto: Daniel Garzón Herazo / Zuma Press)

A Defensoría do Pobo de Colombia informou esta quinta feira de que ao longo de 2020 máis de 28.500 persoas se viran obrigadas a abandonar os seus fogares debido ao incremento da violencia no país. Tal e como indicou nun informe, a entidade sinalou que se constataran 90 eventos de desprazamentos masivos en todo o país, fundamentalmente por mor de enfrontamentos entre grupos armados, intimidacións e asasinatos de líderes sociais.

"Para a Defensoría do Pobo é preocupante o que pasou nos departamentos de Nariño, Chocó, Antioquia, Norte de Santander e Córdoba. Hai unha crise recorrente polo desprazamento forzado e as vítimas non contan con garantías para o restabelecemento dos seus dereitos", aseverou o xefe da entidade, Carlos Camargo, en declaracións ao periódico El Espectador.

o departamento de Nariño concentra case 50% deste tipo de desprazamentos, cun total de 43 de forma masiva que afectarían a unhas 14.000 persoas. Séguenlle Chocó, con 21 mobilizacións de máis de 9.200 habitantes, e a rexión de Baudó e Pacífico.

O Bajo Cauca antioqueño e os municipios do sur de Córdoba (San José de Uré y Puerto Libertador) suman 12 eventos deste tipo con case 3.000 persoas abandonando as súas casas.

A Defensoría destacou que 71 dos 90 eventos de desprazamentos masivos ocorreron en territorios colectivos étnicos, isto é, que 85% das persoas que se mobilizaron pertencen a poboacións afro e indíxenas.

Impacto da pandemia

Por outra banda, alertou de que a situación empeorou considerabelmente debido ao impacto da pandemia.

"Á crise humanitaria sumouse o impacto da Covid-19 e as demoras na atención ás vítimas, restricións dos grupos armados ilegais nos territorios e o risco de propagación do virus nas comunidades, especialmente polos confinamentos en sitios ateigados e pola falta de acceso a servizos de saúde", recolle o texto.

Comentarios