Asasinados tres indíxenas en Nariño, Colombia

colombia

Polo menos tres indíxenas awá foron asasinados nas últimas horas nun novo acto de violencia ocorrido no departamento de Nariño, no suroeste de Colombia, despois do masacre de hai días de oito rapaces no municipio de Samaniego.

A organización indíxena Camawari informou nun comunicado de que os feitos ocorreron na segunda feira na reserva indíxena de Pueblo Viejo, en Nariño. De momento, só se sabe que tres awá foron asasinados dado que ao se tratar dunha zona de difícil acceso as investigacións retardáronse.

"Acabo de falar co alcalde de Ricaurte, Eder Burgos, e dime que habería tres mortos mais estase á espera da confirmación deste feito", dixo o gobernador de Nariño, John Rojas.

O suceso súmase ao acontecido o sábado en Samaniego, tamén en Nariño, cando un grupo armado irrompeu nunha reunión privada nunha leira da zona rural matando oito rapaces e deixando varios feridos.

O presidente colombiano, Iván Duque, culpou do masacre o narcotráfico, apuntando ao Exército de Liberación Nacional. O ELN desmarcouse do crime e denunciou unha "alianza" do Exército e da Policía co narcotráfico e cos paramilitares. 

"Exterminio"

Pola súa banda, Camawari advertiu de que os indíxenas de Nariño están a ser vítimas dun "exterminio", polo que reclamou ao Goberno de Duque medidas urxentes para garantir "o benestar" de todas as comunidades orixinarias.

"Hoxe temos que enfrontar o risco dunha pandemia como a da Covid-19, as ameazas pola presenza e as actuacións dos grupos armados ilegais e das agresións desmedidas en contra dos indíxenas awá do departamento de Nariño", manifestou Camawari, incidindo en que a súa "existencia física atópase en risco".

Comentarios