[VÍDEO] Denuncian unha brutal agresión policial no barrio madrileño de Lavapiés

Captura do vídeo que se difindiu por redes sociais.
As imaxes, con axentes batendo dous mozos racializados, que se difundiron polas redes levan a Sumar e Podemos a pedir explicacións ao Ministerio do Interior.

Un vídeo no que se ve axentes da Policía española empregando a violencia nunha detención no barrio madrileño de Lavapiés contra dous mozos levou este sábado a representantes de Podemos e Sumar a pedir explicacións ao Ministerio do Interior polo que nas redes sociais se cualifica como "brutal violencia" ou "violencia desmedida".

Serigne Mbaye, activista social, ex deputado rexional madrileño de Podemos, e que foi a voz do sindicato de 'manteros', denunciou o ocorrido desde redes sociais: "Así até cando? Cal é a xustificación desta actuación tan violenta? O acoso e a violencia policial en Lavapiés non ten nome. Espero que o Ministerio do Interior, a Policía Nacional e o Defensor do Pobo tomen medidas antes de que sexa tarde". Interior xustifica a intervención na violencia coa que, apunta, actuaron os 2 mozos.

O vídeo viralizouse en redes sociais nas últimas horas e recolle o que apunta a unha agresión no madrileño barrio de Lavapiés por 2 axentes da Policía Nacional a 2 mozos, con asañamento e sen responder a un protocolo comedido, lóxico de actuación, e sen contención da forza exercida. 

 

A gravación tamén foi difundida pola SOS Racismo Madrid. A organización asegura nunha mensaxe en Instagram que un dos axentes implicados é “bastante coñecido no barrio polas súas actitudes sempre violentas cara ás persoas racializadas”. 

O deputado de Sumar Iñigo Errejón rexistrou unha petición no Congreso para que o Ministerio do Interior responda pola actuación policial. "Pódese percibir asañamento”, di o escrito asinado por Errejón, “que non parece responder a un protocolo comedido de actuación policial”. O documento engade que “os veciños e veciñas do barrio de Lavapiés veñen denunciando a existencia de violencia policial contra persoas migrantes”.

A deputada de Unidas Podemos, Ione Belarra, pola súa parte, tamén difundiu o vídeo na súa conta de X e cualificou os feitos de “violencia policial absolutamente gratuíta e inxustificada que se repite contra as persoas racializadas” e engade que “non pode ter cabida nunha democracia”.