A OMS analiza unha nova variante da Covid-19 detectada en Colombia

O director xeral da Organización Mundial da Saúde, Tedros Adhanom Ghebreyesus, vén de pedir que non se administre a dose de reforzo da vacina naquelas persoas que están sen doenzas activas e xa teñen a pauta completa. O obxectivo é que o resto de países poidan ter acceso aos fármacos antes.
Centro de vacinación fronte ao coronavirus en Colombia. (Foto: Camilo Erasso / Zuma Press / Contactophoto) #coronavirus #covid19 #colombia #pandemia #variantemu #cepa #oms #vacina
photo_camera Centro de vacinación fronte ao coronavirus en Colombia. (Foto: Camilo Erasso / Zuma Press / Contactophoto)

A Organización Mundial da Saúde (OMS) comunicou esta cuarta feira que está a analizar unha nova variante do coronavirus, bautizada como cepa Mu, que foi detectada en Colombia en xaneiro de 2021. A institución recoñece que a estas alturas xa se notificaron casos en diferentes estados de Sudamérica e en Europa.

A variante Mu, segundo se explicou hoxe, "ten unha constelación de mutacións que indican propiedades potenciais de escape inmunológico". De feito, os datos preliminares presentados ao Grupo de Traballo sobre a Evolución do Virus amosan unha redución da capacidade de neutralización das vacinas e das persoas vacinadas, similar á observada na variante Beta, aínda que a OMS avisa de que isto debe ser confirmado por outros estudos.

Malia que a prevalencia nos casos secuenciados diminuíu e actualmente está por baixo do 0,1%, a organización avisou de que a prevalencia en Colombia (39%) e #Ecuador (13%) aumentou sistematicamente.

"Necesítanse máis estudos para comprender as características fenotípicas e clínicas desta variante", detallou o organismo.

Agardar pola terceira dose

Por outra parte, o seu director xeral, Tedros Adhanom Ghebreyesus, demandou a nivel mundial que non se inocule de forma globalizada a dose de reforzo da vacina naquelas persoas que non padecen enfermidades.

A meta é que "os países de baixos ingresos se poñan ao día, xa que millóns de persoas en todo o mundo aínda non recibiron a primeira dose", xustificou.

"A terceira dose pode ser necesaria para as persoas de maior risco, cando hai evidencia de diminución da inmunidade contra a enfermidade grave Covid-19 e a morte, como o pequeno grupo de persoa  inmunodeprimidas que non responderon suficientemente ás doses iniciais, ou xa non están a producir anticorpos, pero non queremos que se xeneralice a persoas totalmente vacinadas", remarcou o representante da OMS, preocupado pola desigualdade para acceder aos fármacos segundo os estados.

Comentarios