venres 23/07/21

Vaga de arrestos de palestinos de Israel polas manifestacións contra a ocupación

Por outra banda, a fiscalía israelí acusou de "terrorismo" tres ultradereitistas xudeus por un linchamento.
EuropaPress_3727157_21_may_2021_israel_jerusalem_israeli_police_men_stand_guard_following
Vixilancia á entrada da praza de Al Aqsa, na pasada sexta feira (Foto: Ilia Yefimovich / dpa)

A Policía israelí anunciou que procederá ao arresto de centos de palestinos con cidadanía israelí nos vindeiros días pola súa participación nas protestas a favor dos habitantes da ocupada Xerusalén Leste e a bloqueada Faixa de Gaza, recolleu a canle de TV árabe Al Jazeera.

Os arrestos masivos desenvolverase no marco do que as forzas de seguridade deron en chamar "Operación Lei e Orde", dirixida aos manifestantes contra a violencia dos colonos, contra a entrada da Policía israelí na praza da mesquita de Al Aqsa e contra o bombardeo de Gaza, que en 11 días causou 248 mortes.

Nun comunicado publicado nas últimas horas, a Policía israelí sinalou que desde o 9 de maio arredor de 1.550 persoas xa foran arrestadas. E informou de que miles de axentes de "todas as unidades" serán despregados nas localidades con maioría de cidadanía palestina de Israel.

Linchamento

Por outra banda, tres dos ultradereitistas israelís que participaron no linchamento, hai dúas semanas, dun cidadán árabe na cidade de Bat Yam foron acusados de "terrorismo" pola fiscalía israelí, segundo informou o diario israelí Haaretz. A agresión multitudinaria produciuse no marco dos choques das últimas semanas nas vilas e "cidades mixtas" de Israel.  

Malia o cesamento do fogo de artillaría, a tensión provocada pola ocupación ilegal de Cisxordania e Xerusalén Leste mantense, incrementada polo enfrontamento bélico deste mes e pola violencia sectaria entre comunidades.

Ataque con coitelo

Hoxe un varón palestino morreu abatido polos disparos das forzas de seguridade israelís tras tentar apuñalar unha persoa nunha parada de tranvía preto da sede da Policía israelí en Xerusalén. 

Segundo a información policial, tamén agrediu co coitelo un soldado que quixo intervir. Finalmente un axente da Policía Fronteiriza presente na zona disparou contra el, morrendo no acto. Por agora non foi identificado. 

Detencións en Al Aqsa

Ademais, tamén se viviron momentos de tensión o domingo tras a reapertura aos visitantes xudeus da praza de Al Aqsa, segundo informou a axencia oficial de noticias palestina Maan. Medio cento de colonos, flanqueados por forzas especiais israelís, entraron á explanada ─o "Monte do Templo" para os xudeus─.

Instantes antes, de acordo coa información de Maan, a Policía israelí cargou contra algúns dos fieis musulmáns no lugar para abrir paso aos colonos. Tamén procedeu ao arresto de seis persoas, entre estas un garda de seguridade de Al Aqsa e un responsábel do Consello Islámico de Waqf, o organismo relixioso designado por Xordania para supervisar o complexo. 

comentarios