xoves 01/10/20

Nove vacinas para a Covid, na recta final

A suspensión dos ensaios clínicos da vacina da Covid-19 que desenvolve a Universidade de Oxford, a máis prometedora no ámbito da UE, causou certa alarma. Porén os expertos consideran que se trata de algo normal. Esta é unha das nove candidatas que se encontran na última fase de probas antes da produción global. 
EuropaPress_3305597_08_september_2020_china_beijing_an_employer_holds_up_domestic_covid-19 (1)
Un empregado sostén un exemplar da vacina para a Covid elaborada por Sinovac, durante un evento promocional en Beijing na terza feira (Chenxiaogen / SIPA)

Stat News, o xornal dixital orientado a temas de saúde que edita The Boston Globe, daba en primicia na quinta feira que os ensaios clínicos da vacina contra a Covid-19 desenvolvida por AstraZeneca e a Universidade de Oxford foran suspendidos tras se detectar nun dos pacientes a aparición dunha "enfermidade potencialmente inexplicábel". Onte, este mesmo medio informaba de que este paciente é unha muller que comezara a sufrir os síntomas dun estraño trastorno inflamatorio espinal grave denominado mielite transversa.

Explicouno o director executivo de AstraZeneca, Pascal Soriot, no transcurso ─escribiu Stat News─ dunha "conversa telefónica privada" co banco de investimento JP Morgan. Aínda non se confirmou o estado da muller, mais Soriot afirmou que está a experimentar melloras e probabelmente reciba pronto a alta hospitalaria.

Non é a primeira paciente da vacina de Oxford que experimenta unha enfermidade deste tipo. O director da farmacéutica recoñeceu que en xullo tiveran que parar os ensaios tras outro paciente experimentar síntomas neurolóxicos que resultaron consecuencia dunha esclerose múltiple. Con todo, desbotouse que estivese relacionada coa inxección da vacina. Segundo afirmaron varios expertos mundiais ao longo do día de onte, este tipo de suspensións nos ensaios dunha vacina son relativamente normais. É a atención mundial pola viralización nas redes a que leva a unha maior preocupación.  

Actualmente hai 180 proxectos no mundo con candidatas a vacina, segundo os últimos datos facilitados onte pola OMS. Destes, 145 están na fase preclínica e 35 na fase clínica, con probas en humanos: nove, na recta final.

Oxford/Astrazeneca

A do Instituto Jenner de Oxford e AstraZeneca usa unha versión atenuada do virus do arrefriado común dos chimpancés. Detectouse que xera anticorpos e as células T que poderían ser as adecuadas para ofrecer unha resposta inmune eficaz contra a Covid. Levan semanas desenvolvendo a fase 3 no Brasil, en Sudáfrica e no Reino Unido.

Gamaleya

Rusia autorizou xa a administración e dá por desenvolvida a Sputnik V, elaborada por Gamaleya Research Institute coa colaboración do Ministerio de Defensa, a pesar de non superar os dous meses de probas e de non completar os ensaios clínicos. 

Non obstante, os resultados preliminares, detallados nun estudo difundido pola revista médica británica The Lancet, certifican que non provocou efectos secundarios adversos e que xerou anticorpos. A OMS acaba de recoñecer a terceira fase das probas clínicas desta vacina vectorial combinada.  

CanSino

Tamén unha investigación publicada en The Lancet demostrou a seguridade da vacina que desenvolven CanSino e o Instituto de Biotecnoloxías de Beijing, unha das catro candidatas na China. Fíxoo a finais de xullo, cando aínda estaba na fase 2, e tamén probou que inducía a resposta inmune contra o coronavirus. 

É unha vacina de vector viral. Ao ser tamén de subunidade ─fórmula de nova xeración que non contén patóxenos─, caracterízase pola súa seguridade. Debido ás boas expectativas que está a xerar, a Oficina Estatal de Propiedade Intelectual aprobou a primeira patente desta candidata a vacina, que podería "ser producida en masa nun breve período de tempo". 

Sinovac, Wuhan e Beijing

Outra candidata desenvolvida na China, neste caso por Sinovac, baséase en virus inactivos purificados. Hai varias semanas que comezou a fase 3, despois de o Brasil dar o visto bo para a compañía inocular a vacina experimental a persoas voluntarias. 

E tamén no país asiático, o Instituto de Produtos Biolóxicos de Wuhan e o Instituto de Produtos Biolóxicos de Beijing están a desenvolver outros dous proxectos independentes entre si. Ambos os dous se basean en virus inactivados e detrás deles está Sinopharm, o xigante farmacéutico estatal. Estas dúas vacinas e mais a de Sinovac tamén están a ofrecer resultados prometedores.

Moderna

Nos Estados Unidos desenvólvese o proxecto de Moderna e do Instituto Nacional de Alerxias e Enfermidades Infecciosas (Niaid, nas siglas en inglés). Esta vacina está baseada en ARN mensaxeiro combinado co código xenético do virus. Un total de 30.000 persoas participan a día de hoxe nas probas.

A farmacéutica estadounidense anunciou que a ofrecerá a un prezo de entre 32 e 37 dólares por dose, (arredor de 30 euros), que dependerá do volume solicitado por cada país. Ademais, di, espera garantir o acceso universal.

Janssen

Tamén no país norteamericano, Janssen, propiedade de Johnson & Johnson, desenvolve a vacina Ad26.COV2-S, baseada nun adenovirus recombinante non replicativo para xerar unha resposta inmunolóxica fronte a unha das proteínas do coronavirus. A compañía cre que podería estar lista a principios de 2021. 

BioNTech/Pfizer

Por último, a biotecnolóxica alemá BioNTech ─con colaboración na China de Fosun Pharma─ e a farmacéutica estadounidense Pfizer traballan nunha vacina con catro variantes, baseadas todas elas en ARN mensaxeiro sintético, co fin de aumentar as posibilidades de identificar a candidata máis seguro e eficaz. O obxectivo é fabricar até 100 millóns de doses en 2020 e máis de 1.200 millóns en 2021.

comentarios