A UE reasentou 937 persoas refuxiadas das 160 mil que se comprometera a acoller

Unha crianza na fronteira de Macedonia [Imaxe Gabriel Tizón]

En seis meses o Estado español só acolleu 18 das 8.023 que lle asinou en setembro de 2015.

En setembro de 2015 os Estados membros da UE, reunidos no Consello Europeo, acordaron reasentar 160 mil persoas refuxiadas procedentes de Italia e Grecia. Un reparto desenvolvido através dun sistema de cotas e do que unicamente ficaban excluídos Grecia e Italia, para alén de Reino Unido, Irlanda e Dinamarca polas condicións en que asinaron a súa adhesión á UE e que lles permiten descolgarse das decisións adoptadas en materia de Interior e Xustiza. 

Para os demais territorios o acordo, de obrigado cumprimento, fixaba unha cifra de 66 mil persoas refuxiadas nun primeiro período dun ano e 54 mil no segundo (cadro editado por El País). Porén, a Comisión vén de facer públicos os dados con data de 15 de marzo de 2016 e da cifra comprometida inicialmente (66 mil dun total de 160 mil en dous anos) só foron reasentadas 973 persoas. 

Croacia, República Checa, Estonia, Hungría, Polonia ou Eslovenia e Eslovaquia non acolleron ningunha persoa refuxiada

Ningún dos 23 Estados membros suxeitos ao acordo cumpriu co seu compromiso, algúns deles como Croacia, República Checa, Estonia, Hungría, Polonia ou Eslovenia e Eslovaquia nen sequera deron acollemento a unha soa persoa. Outros, como acontece no caso do Estado español, a cifra de persoas reubicadas non só é residual (18 dun total de 8.023) senón que só proceden de Italia sendo que se comprometera a recibir refuxiadas maioritariamente ubicadas en Grecia. 

O país que maior número de persoas acolleu foi Franza (283) un número que, no entanto, fica lonxe das 12.962 que acordou no mes de setembro. 

Franza é o país con maior número de reasentamentos (283) mais lonxe da cifra que se comprometeu a asumir

Os dados achegados pola Comisión europea coinciden coa re-abertura das mesas de negociación entre a UE e Turquía a respeito dun acordo que pretende deportar masivamente as persoas refuxiadas até Ankara para que soliciten alí asilo. Nese contexto, os Estados membros da UE din que asumirían o reasentamento dunha persoa refuxiada siria con tal dereito recoñecido en Turquía por cada persoa que Ankara acepte procedente de Grecia.