Oposición popular a unha UE que busca fórmulas para legalizar as deportacións masivas

Concentración en Vigo [Mar de Lumes]

Milleiros de persoas saíron ás rúas na Galiza para reaxer ao pre-acordo entre o Consello europeo e Turquía sobre persoas rexufiadas.

"O máis importante, e é algo que non compremetemos, é a absoluta necesidade de respeitar tanto o noso Dereito europeo como o Dereito internacional. É indispensábel, do contrario Europa non poderá ser máis Europa", dixo o presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, na xornada de onte (16 de marzo) ao fío das discrepancias internas que se están a erguer entre os Estados membros da UE a respeito do pre-acordo con Turquía referido a persoas refuxiadas. 

Chipre, o Estado español e Bulgaria ameazan con bloquear o acordo por razóns ben diversas

Unha proposta negociada entre Alemaña, Holanda e as autoridades turcas que visa deportar masivamente as persoas localizadas en Grecia --actualmente máis de 40 mil-- e reubicar, sinala o documento, unha refuxiada siria por cada unha outra que Turquía acolla. O texto vulnera a Convención de Xenebra de 1951 e a Carta de Dereitos Humanos e algúns Estados membros xa amosaron as súas discrepancias con el, embora apoialo no encontro mantido hai unha semana. É o caso do Estado español. Madrid, que non amosou dúbidas inicialmente, tilda agora de "inaceptábel" a proposta e asegura que --de se aprobar-- suporía tratar as persoas que buscan asilo "como maletas". 

Tamén Chipre ameaza con vetar o acordo --neste senso, co conflito pola parte norte da illa, ocupada por Turquía en 1974, como cerne do conflito-- e mesmo Bulgaria que reclama facer extensíbel as condicións non só ás persoas chegadas a territorio comunitario através de Grecia senón aqueloutras que o fagan por vías alternativas como Bulgaria pois, ao bloqueárense as fronteiras da denominada rota dos Balcáns, xa se deseñan outros vieiros que atinxirían este país. 

"Esta non é a nosa Europa"

Entretanto, mentres as autoridades europeas e turcas reanudan as negociacións, milleiros de persoas saíron ás rúas na cuarta feira (16 de marzo) para reaxir ao pre-acordo e denunciar o carácter "inhumano" da política comunitaria. Exixen as organizacións sindicais, politicas e sociais que fixeron parte das mobilizacións a creación de "pasaxes seguras" polas que poidan transitar as persoas refuxiadas e a garantía de que lles sexan recoñecidos os dereitos de asilo. 

Berros contra a política europea mais tamén faixas contra a NATO

"Esta non é a nosa Europa" ou "todas somos inmigrantes" foron algunhas das consignas que se berraron nas rúas de Vigo, Compostela, Lugo, Pontevedra, Ourense ou A Coruña, mais tamén vilas mariñás como Viveiro e outras como Vilagarcía. 

A resposta popular foi clara, responsabilizan á UE --mais tamén se puideron ler faixas contra a NATO-- da situación que atinxe as persoas deslocadas forzosamente por mor dos conflitos na Siria, Iraq ou Afganistán e exixen o cesamento das "intervencións imperialistas" que causan a guerra, punto de partida para pór fin á crise de persoas refuxiadas. 

A ese rexeitamento social sumáronse concellos de vilas e cidades galegas que decidiron arriar a bandeira da UE como "símbolo" de oposición á súa política. 

Vixilia en Compostela

Esta quinta feira (17 de marzo) foi convocada unha vixilia na Praza do Obradoiro de Compostela que terá lugar de 21 a 24h e á que chaman a acudir con candeas.