Ucraína e os Estados Unidos prevén rubricar de forma inminente o acordo sobre minerais
Denys Shmyhal, primeiro ministro de Ucraína, anunciou a cuarta feira que nas próximas 24 horas prevían asinar cos Estados Unidos un acordo sobre os recursos minerais do país, exixido por Washington a cambio da axuda militar e doutra índole brindada a Kíiv durante a guerra con Rusia, que se prolonga hai máis de tres anos.
A titular de Economía, Yulia Sviridenko, xa estaba a dirixirse ao país americano para rubricar un texto do que apenas ficaban por fechar “detalles”, e que segundo o borrador visto pola axencia Reuters fixa a creación dun fondo conxunto entre ambos os dous países que recibirá 50% dos beneficios obtidos polo Estado ucraíno en base a novos permisos de explotación de recursos naturais.
Asemade, outorga a Washington “acceso preferente” a “novos permisos, licenzas e oportunidades de investimento no ámbito dos recursos naturais” do país eslavo, e contabilizará como contribución estadounidense ao fondo futuras entregas de armamento a Kíiv.
Shmyhal insistiu en que o pacto é beneficioso para as dúas partes, así como que permitirá o desenvolvemento e a recuperación de Ucraína após a fin do conflito.
Con todo, o documento que firmarán é apenas un acordo marco, despois do que será a quenda para outros dous entendementos que debullarán o funcionamento técnico deste fondo, explicou o primeiro ministro ucraíno.
Á vez, Dmitri Peskov, voceiro do Kremlin, confirmou que “as canles necesarias para un diálogo cos Estados Unidos xa foron restauradas”, abrindo a porta a unha nova conversa directa entre o líder ruso, Vladimir Putin, e o presidente estadounidense, Donald Trump.
En todo caso, o portavoz asegurou que “o acordo de paz debe ser asinado con Ucraína e non cos Estados Unidos”, após trasladar o Departamento de Estado estadounidense que de non producirse progresos nas negociacións de paz “retirarémonos como mediadores”.
Nova tregua
Antes, Peskov cuestionara a falta de resposta ucraína á proposta dunha tregua entre o 8 e o 10 de maio feita por Putin, coincidindo coas celebracións pola derrota de Alemaña e a extrema dereita na Segunda Guerra Mundial, á que contestou Volodimir Zelenski, mandatario ucraíno, cunha contraproposta para un cesamento do fogo de 30 días, unha posibilidade fronte á que o Kremlin xa aclarara que só sería posíbel de estar avanzadas as conversas para acabar coas causas do conflito.