Turquía utiliza a carta da crise migratoria

Durante 2015 e 2016, a UE viviu unha crise migratoria coa chegada de miles de persoas refuxiadas, na súa maioría de Siria (Europa Press)
Ankara ameaza a UE con abrir as fronteiras se non a apoia no conflito en Idlib contra o Goberno sirio, que ampara Rusia.

Grupos de persoas refuxiadas, actualmente acollidas en Turquía, encamiñáronse onte cara ás fronteiras con Grecia e Bulgaria, segundo informaron as axencias internacionais sobre o terreo, despois de que o Goberno turco informase por TV que xa non se atén ao acordo coa UE de 2016 polo cal se comprometía a frear o seu tránsito cara á UE.

Na noite da quinta feira, Turquía confirmou a morte de 33 dos seus militares nun ataque aéreo levado a cabo polo Goberno sirio no noroeste da provincia de Idlib. O Executivo turco decidiu entón ordenar á policía, ao servizo de gardacostas e ao de fronteiras non actuar ante o tránsito cara ao territorio da UE das persoas refuxiadas, en anticipación ademais da inminente chegada a Turquía de miles de persoas que foxen dos actuais enfrontamentos en Siria.

Arredor dun millón de civís foron empurrados cara á fronteira con Turquía desde que comezaron os combates en decembro, no marco da campaña do Goberno sirio ─co apoio de Rusia─ para controlar o territorio. Idlib é o último bastión do que unha das partes en conflito chama "rebeldes" e a outra "terroristas".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.