Trump e o trumpismo fronte aos datos

Malia que nos últimos días o ritmo na perda de empregos nos EUA freou, aínda se prognostican niveis non vistos desde a Gran Depresión. Malia que a ciencia e a espionaxe desbotan que o SARS-CoV-2 saíse dun laboratorio, Trump teima nesta teoría. Malia que o distanciamento físico para o coronavirus, os seus seguidores asaltan parlamentos.
michigan_protesta
photo_camera Concentración contra o confinamento ante o Capitolio de Michigan, no 15 de abril. Na quinta feira, a manifestación irrompeu na Cámara (commondreams.org)

Malia que o ritmo se vai desacelerando, na última semana outros 3,8 millóns de persoas perderon o traballo nos EUA: nas pasadas seis, arredor de 30 millóns de estadounidenses solicitaron a axuda ao desemprego que ofrece o Departamento de Traballo

Unha axuda que non é universal. Só a reciben un número limitado de persoas, aquelas que non perdesen o traballo pola súa culpa e que cumpran cunha serie de requisitos. Calcúlase que centos de miles non se apuntaron neste rexistro debido a súa condición de inmigrantes ou por seren autónomos. Segundo o Instituto de Políticas Económicas, ademais, outros 12 millóns tampouco o fixeron ante a saturación dos servizos de emprego.

Segundo datos ofrecidos polo Goberno, por cuarta semana consecutiva diminuíu esta perda de empregos, mais os prognósticos continúan a mostrar niveis inéditos desde a década de 1930, durante a Gran Depresión

Esta mesma semana, o Departamento de Comercio anunciaba que a economía estadounidense se contraera 4,8% no primeiro trimestre de 2020, a maior redución desde a última recesión, poñendo fin a unha década de crecemento económico constante. Tamén de creación de emprego: desde novembro de 2009 creáranse 22,4 millóns postos de traballo.

As compañías financeiras privadas tamén ofreceron datos negativos. JP Morgan, a primeira institución bancaria dos EUA, calcula que o desemprego derivado da crise do coronavirus alcanzará 20%, mentres que Goldman Sachs reducía esta cifra cinco puntos a mediados de mes. Nunha nota enviada aos seus clientes, calculaba que a actual crise será até catro veces peor que a de 2008, e alertaba da necesidade dunha reapertura anticipada da economía.

Nesa dicotomía, entre saúde e finanzas, é que están os Gobernos de todo o mundo. O presidente Donald Trump, que aspira á reelección en novembro, teno claro. Tamén a maioría dos Estados, que son os que teñen a última palabra. Polo menos 31 dos 50 que están a levantar as corentenas malia as advertencias da comunidade científica sobre unha posíbel segunda vaga de contaxios

Un estudo do Centro de Investigación de Enfermidades Infecciosas da Universidade de Minnesota afirma que o coronavirus continuará a se estender nos EUA polo menos 18 meses máis até contaxiar entre 60% e 70% da poboación. Actualmente, suma máis de 63.000 mortes (27% do global), e máis de 1,1 millóns de contaxios (case un terzo dos mundiais). 

Coacción ao Lexislativo

A presión desde a Casa Branca para que os Estados levanten as corentenas ten o seu reflexo nas rúas. Desde hai días manifestantes contrarios ás medidas de confinamento realizan protestas públicas, aplaudidas desde os medios de comunicación máis conservadores como Fox News ou The Gateway Pundit

O pasado 15 de abril concentráronse ante o Capitolio de Michigan, en Lansing, para forzar que a gobernadora, a demócrata Gretchen Whitmer, levantase a declaración de urxencia. Nesta quinta feira (madrugada de onte na Galiza), foron un paso máis alá e irromperon na Cámara mentres se debatía a súa extensión. 

Ao grito de "déixennos entrar", os manifestantes, algúns con parafernalia de Trump e portando armas longas ─que están permitidas, sempre e cando estean á vista─, irromperon no edificio. "Algúns dos meus colegas que teñen chalecos antibalas lévanos postos", escribiu no Twitter a senadora Dayna Polehanki

Estas persoas, segundo declaran nos medios e en vídeos subidos ás redes sociais, consideran que as medidas de confinamento atentan contra a súa liberdade e dereitos individuais. Opinan que a pandemia é "unha gran mentira", rexeitan os datos científicos e transitan polo que se dan en chamar teorías da conspiración.

Seguen en parte a liña marcada por Trump durante os últimos meses. Primeiro, negando a gravidade da crise sanitaria; segundo, facendo da OMS e da China os pandotes da pandemia.

Laboratorio de Wuhan

O presidente volveu insistir nas últimas horas que conta con probas de que o SARS-CoV-2 saíu dun laboratorio de Wuhan. Fíxoo na quinta feira, madrugada da sexta galega, poucas horas despois de que o departamento que xestiona a información da rede de axencias de espionaxe estadounidenses emitise un comunicando asegurando que "concordan co amplo consenso científico de que o virus da COVID-19 non é de deseño humano nin foi modificado xeneticamente".

Xa en marzo, un amplo estudo que analizaba a información xenética do SARS-CoV-2, publicado en Nature Medicine, concluía: "Despois de comparar os datos da secuenciación do xenoma das cepas coñecidas de coronavirus, podemos determinar con certeza que o SARS-CoV-2 se orixinou a través de procesos naturais". Trump e os trumpistas opinan o contrario.

Comentarios