Trump inaugura a era dos aranceis, dos que non se libra ningún país
40% de gravame aos produtos transbordados.
A orde neoliberal que os Estados Unidos impuxeron para o seu beneficio tras a Segunda Guerra Mundial ficou enterrada definitivamente na madrugada da sexta feira, cando o seu presidente, Donald Trump, asinou a orde executiva que consolida os aranceis xeneralizados ás importacións do resto do planeta.
A norma, que entrará en vigor o 7 de agosto, chega despois da fin da prórroga outorgada logo da caída das bolsas a comezos de abril, cando fixo o anuncio inicial, bolsas que onte volveron rexistrar números vermellos. Neste período xa aplicara un gravame de 10% á maioría dos países do mundo.
Aínda que a motivación oficial da pausa era lograr acordos bilaterais cos outros estados, neste tempo apenas se alcanzaron oito pactos ou principios de pacto, coa Unión Europea (UE), o Reino Unido, o Xapón, Vietnam, Filipinas, Indonesia, Corea do Sur e Paquistán, todos con condicións moi favorábeis a Washington.
En dous casos, o da China e México, trasladaron que fica en suspenso a decisión final mentres proseguen as negociacións.
Taxas de até 50%
Aos bens de arredor de 85 países aplicaráselles un arancel entre o 15% da UE e o 50% do Brasil, e o resto terán unha taxa mínima de 10%. Despois do Brasil aparece Siria, con 41%, Laos e Myanmar, con 40%, Suíza, con 39%, e Iraq e Serbia, con 35%.
En paralelo, a India, que se achegou nos últimos anos a Washington, recibiu 25%, e á autoproclamada Taiwán, un dos seus principais aliados no Indo-Pacífico, impuxéronlle 20%.
Asemade, nun apartado dirixido contra a China, estabelécese un arancel adicional de 40% a calquera mercadoría que chegue a Washington “con escala” noutros territorios. De forma paradoxal, até “as próximas semanas” non se publicará a definición de transbordo, incidiu un alto funcionario estadounidense á axencia Reuters.
Nese sentido, detallou que demandarán para evitar ese gravame que un contido substancial do produto proceda do país exportador, ante o temor das empresas do ámbito a que se vexan afectados bens cuxa cadea de produción se estenda ao longo de varios territorios.
No tocante ao Canadá, canda a China e México os principais exportadores aos Estados Unidos, Trump resolveu gravar con 35% todos os produtos que fiquen fóra do tratado de libre comercio, após sinalar que sería difícil chegar a un acordo pola decisión canadense de recoñecer o Estado de Palestina en setembro, por mor do xenocidio que está a perpetrar Israel en Gaza.
