A tripla derrota de Donald Trump insufla aire ao Partido Demócrata
O candidato demócrata á Alcaldía de Nova York, Zohran Mamdani, gañou as eleccións locais con máis de 50% dos sufraxios fronte ao ex gobernador demócrata e candidato independente, Andrew Cuomo, e ao republicano Curtis Sliwa.
Non foi o único revés que recibiu o presidente dos EUA, Donald Trump. Neste sentido, a demócrata Abigail Spanberger gañou as eleccións á Gobernación do estado de Virxinia, superando a vicegobernadora republicana Winsome Earle-Sears.
Ademais, a congresista demócrata Mikie Sherrill gañou as eleccións á Gobernación de Nova Jersey, derrotando o republicano Jack Ciattarelli por algo máis de 12 puntos porcentuais.
A tripla derrota non foi ben recibida por Donald Trump, quen afirmou esta cuarta feira que que os resultados "non foron bos para ninguén", agregando que o Partido Republicano "aprendeu moito" do que o mandatario describiu como "unha interesante tarde".
Un Trump directamente interpelado polo flamante alcalde de Nova York, o socialdemócrata Mamdani, que se reivindicou como un líder "novo, musulmán, socialista democrático".
"Se alguén pode mostrar a unha nación traizoada por Donald Trump como derrotalo, é a cidade que o viu nacer", declarou acerca do republicano, agregando que "se hai algunha maneira de aterrorizar un déspota, é desmantelando as mesmas condicións que lle permitiron acumular poder".
"Así non só deteremos a Trump, senón tamén ao próximo", asegurou, antes de instar o presidente dos EUA a "subir o volume" ante a celebración das simpatizantes. "A crueldade, o caos e a cobiza que definen o radicalismo MAGA e que disparan os prezos foron rexeitados", acrecentou.
Oportunidade en California
Por outra parte, California aprobou un novo mapa electoral para o Congreso a proposta do seu gobernador, Gavin Newsom, o que dá ao Partido Demócrata a oportunidade de gañar até cinco escanos na Cámara de Representantes nas eleccións de metade de mandato do próximo ano.

