Os territorios que padeceran incendios serán declarados "zonas gravemente afectadas" no Consello de Ministros

Na visita a unha das vilas afectadas polo incendio de Navalacruz, que xa levou por diante 22.000 hectáreas, Sánchez avanza que o Consello de Ministros aprobará a declaración de "zonas gravemente afectadas pola emerxencia de protección civil" naqueles territorios que padeceran os lumes.
Incendio de Navalacruz o pasado 16 de agosto. (Foto: Rafael Bastante / Europa Press)
photo_camera Incendio de Navalacruz o pasado 16 de agosto. (Foto: Rafael Bastante / Europa Press)

A vindeira terza feira, 24 de agosto, o Consello de Ministros declarará “zonas gravemente afectadas pola emerxencia de protección civil a todos e cada un dos territorios que sufriran incendios ao longo destes verán e outro tipo de catástrofes naturais”, adiantou este domingo o presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez.

Os lumes, incidiu Sánchez, comezan a ser unha "tónica habitual", que se repite "cunha maior cadencia ao longo do tempo e con maiores consecuencias e maior impacto sobre o territorio”. Asemade, vencellou esta situación co quecemento climático do planeta.

Nunha intervención desde Sotalbo, na provincia de Ávila, Sánchez definiu a situación de “traxedia, non só do medio ambiente, senón tamén social”, acompañado por Teresa Ribera, vicepresidenta terceira e ministra de Transición Social e Transición Ecolóxica, Juan Carlos Suárez-Quiñones, conselleiro de Fomento e Medio Ambiente, e alcaldes da zona.

Tras falar dun compromiso “total”, o presidente estatal apuntou que “unha vez mitigado o incendio, o que temos que facer entre todas as administracións é pór os recursos para recuperar a normalidade e, por tanto, as oportunidades e o desenvolvemento”. Sotalbo é unha das vilas afectadas polo incendio de Navalacruz, que xa levou por diante 22.000 hectáreas.

Sánchez aproveitou a visita para instar a “todos os cidadáns” a extremar a prevención, “o incendio que se evita, e o incendio que tratamos entre todos de previr e anticipar”, sobre todo, nun momento climático de “extraordinario risco”.

“Un desgarro material e emocional”

Motivado pola gravidade dos lumes, advertiu que amais de “arrasar co noso patrimonio natural, tamén o fai cos nosos ecosistemas, coa nosa rica biodiversidade”, así como co “patrimonio, fogares, casas, lugares de traballo”. “Un desgarro material e emocional”, concluíu.

Aliás, agradeceu o traballo na loita contra os incendios e pediu que todas as institucións traballen “da man”, salientando a cooperación con “cada un dos Gobernos territoriais e institucións públicas afectadas por catástrofes naturais este último ano”.

Comentarios