Opinión

A precariedade nas Brigadas Municipais contra incendios

O noso monte non se defende só. Hai demasiados intereses económicos xuntados na súa destrución, intereses que facilmente superan a nosa imaxinación pero que podemos entender perfectamente baixo tres termos: espolio, corrupción e pobreza. Estes tres factores actúan como un triángulo perfecto para reducir os nosos montes a negra pedra.

Como sociedade confiámoslles ás bombeiras e axentes forestais, motobombistas, pilotos e demais persoal do SPDIF dúas das tarefas máis importantes e menos agradecidas desta defensa: a prevención e extinción de incendios.

A forma na que está organizado o servizo precariza e invisibiliza sistematicamente o conxunto de operarias que conforman as brigadas municipais.

Baixo o amparo dun convenio de colaboración entre as administracións locais e a Xunta, que subvenciona a súa contratación, permítese que cun contrato de tan só tres meses ao ano, máis de mil traballadoras combinen os traballos de extinción xunto con labores de roza en tempada de máximas temperaturas.

Este solapamento de tarefas xoga contra toda lóxica, pois afecta considerablemente á fatiga do persoal no momento da extinción e aumenta o tempo de reacción e chegada ao lume.

Os salarios, equipamentos de protección individual e acondicionamento das bases quedan en mans da corporación municipal, obrigada a respectar uns mínimos legais moi afastados dos esixidos para as brigadas propias da Xunta. As enormes diferenzas nas condicións provocan unha inxusta situación de desamparo e desigualdade entre o persoal das distintas administracións.

Non podemos continuar mantendo un modelo que permite que traballadoras que se adican ás mesmas funcións de defensa contra incendios en concellos distintos sexan vítimas da mafia política que asolaga os nosos municipios, obrigándoas a asumir a desigualdade laboral, con enormes diferenzas nas condicións entre concellos limítrofes.

Non podemos seguir permitindo que baixo a chave do aforro no gasto público, a Xunta delegue a contratación das brigadas sen esixir uns mínimos salariais e de equipamento dignos xunto cunha formación unificada e de tempo superior á que contempla a normativa de unicamente 16 horas, na maioría dos casos non remuneradas e impartidas pola empresa que o concello dispoña de man.

Desta xestión despréndese un escuro interese en que este sector non estea profesionalizado nin unido, pois parece ridícula a pretensión de que con só tres meses de contrato ao ano, se efectúen labores de prevención suficientes para evitar o desastre do lume e se dispoña dun exército de traballadoras en condicións para o desempeño das súas funcións, obrigándoas a buscar o resto do ano outras opcións laborais, vendo esta profesión como a única saída no verán á catástrofe do paro.

A máis que coñecida e denunciada corrupción nos sistemas de selección de persoal na maioría de municipios leva a que adquira o posto quen o alcalde decida. Isto é posible grazas a unha selección arbitraria das preguntas na entrevista de traballo e a unha posterior ponderación opaca das respostas, deixando sen valor a experiencia laboral previa. Con esta fórmula, concello a concello manteñen un conxunto de traballadoras agradecidas polo favor do traballo, que soportando condicións abusivas temen a protestar por medo a represalias na contratación do vindeiro ano.

Sen dúbida dende a Xunta teñen este sistema ben atado, viles intereses económicos actúan unha vez máis pisando a dignidade da nosa clase.

Esta situación evidénciase no desvío do diñeiro público e fondos europeos a empresas de extinción privadas no canto de ser investidos nunha política de prevención pública eficiente e nunhas condicións dignas para as traballadoras.

Só a unión das máis precarizadas pode cortar a corda da corrupción. Por medio da loita e a presenza nas rúas, conseguiremos subverter este modelo, presionando para acadar a equiparación nas condicións, salario e tempo de contratación de tódalas bombeiras forestais. Non lles quedará máis remedio que unificar o sector, profesionalizándoo e acadando así o servizo que o noso monte merece, e que tantos anos levamos soñado.

Comentarios