A tensión volve a Xerusalén coa réplica da Marcha das Bandeiras do 10 de maio

Concentración, hoxe, ante a porta de Damasco, en Xerusalén (Foto: Ilia Yefimovich / dpa)
Varios activistas palestinos foron arrestados na contramanifestación. Hamas lanzou desde Gaza varios globos incendiarios que provocaron unha vintena de lumes.

A tensión regresou unha vez máis a Xerusalén, pondo en risco o cesamento do fogo en Palestina. O pasado 10 de maio Hamas disparaba os primeiros morteiros sobre Xerusalén e outros territorios baixo soberanía israelí. Día sinalado no calendario sionista, a milicia ameazara con o facer ante a convocatoria dun desfile de ultradereitistas até a explanada de Al Aqsa. 

Aquela "Marcha das Bandeiras" replicouse hoxe despois de que o Consello Ministerial de Benjamin Netanyahu lle dese luz verde a semana pasada nun derradeiro e letal disparo antes de ser desbancado do cargo pola nova coalición de Goberno.

Arredor das 20 horas, a concentración na porta de Damasco desprazouse do lugar ─totalmente blindado, segundo informou a TV árabe Al Jazeera, para evitar a entrada de palestinos─, e encamiñouse a entrar na Cidade Vella de Xerusalén a través da porta de Jaffa.

Polo menos 17 palestinos foron arrestados, segundo as axencias internacionais sobre o terreo, e varias ducias máis desaloxados pola forza da porta de Damasco, unha das prazas que dá acceso á Cidade Vella. A Media Lúa Vermella cifrou en 27 os feridos. 

Globos incendiarios

"O dereito a manifestarse é un dereito en todas as democracias", afirmou o ministro do Interior, Omer Bar-Lev. "A Policía está preparada e faremos todo o que estea no noso poder para preservar o delicado fío de coexistencia", engadiu.

O diario Haaretz cifrou en polo menos 3.000 os asistentes á Marcha das Bandeiras, que conmemora a ocupación de Xerusalén Leste tras a vitoria de Israel na guerra de 1967. Os palestinos vena como unha "provocación", tal e como a cualificou o primeiro ministro da Autoridade Palestina, Mohammad Shtayyeh.

Tan provocación que o 10 de maio ─a data orixinal─ Hamas cumpriu a ameaza de lanzar morteiros se o desfile se producía. Onte non foron morteiros, mais globos incendiarios os lanzados desde Gaza no que a milicia-partido chamou "Día da Rabia", causando unha vintena de lumes en puntos do territorio israelí, informou The Times of Israel.

"Morte aos árabes"

Pola súa banda, o recentemente estreado ministro de Exteriores, o centrista Yair Lapid, que substituirá no cargo de primeiro ministro o ultradereitista Naftali Bennett a metade lexislatura, gabou a xestión da seguridade na marcha e contramanifestación. 

E cargou duramente contra os cánticos de "morte aos árabes" lanzados durante o desfile. "O feito de que haxa elementos extremistas para os que a bandeira de Israel representa odio e racismo é abominábel e imperdoábel", escribiu en Twitter.