venres 21/01/22

A taxa de paro da Eurozona cae a 7,2%, tres puntos menos que na Galiza

O paro xuvenil baixa de 30% no conxunto do Estado español por vez primeira desde 2008, malia que segue a ser a segunda máis elevada da da UE, só superada polo dato que rexistra Grecia.
Oficina de emprego, paro, traballo. Foto de Arxina
Imaxe de arquivo da Oficina de Emprego de Compostela (Foto: Arxina).

A taxa de paro da Eurozona ficou o pasado novembro en 7,2%, unha décima menos que o mes anterior e nove décimas por baixo do mesmo mes de 2020, mentres no conxunto da Unión Europea (UE) caeu a 6,5%.

Así o reflicten os datos de desemprego que vén de actualizar a plataforma estatística comunitaria Eurostat, que deixan o Estado español coa maior taxa entre os Vintesete.

O dato de paro rexistrado en novembro de 2021 representa a mellor lectura do dato en ambas as zonas desde marzo de 2020, o primeiro mes no que se introduciron restricións para conter o espallamento do coronavirus.

A oficina estatística europea calcula que 13,98 millóns de persoas carecían de emprego na UE en novembro de 2021, dos que 11,83 millóns se atopaban na Eurozona —países que utilizan o euro como moeda—.

Entre os Vintesete estados membro, a maior taxa corresponde ao Estado español, cun dato de 14,1% (tres décimas menos), seguido de Grecia, con 13,4%, e Italia, con 9,2%. No extremo oposto da táboa fican a República Checa (2,2%), Países Baixos (2,7%) e Polonia (3%).

No caso da Galiza, segundo os datos máis recentes, os da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre de 2021, a taxa de desemprego é de 10,2%.

O paro xuvenil baixa de 30%

Por outra parte, no conxunto do Estado español a taxa de paro xuvenil —menores de 25 anos— era de 29,2%, fronte a 30,2% de outubro de 2021. É a primeira vez desde novembro de 2008 que a cifra baixa do limiar de 30%.

Con todo, a taxa española foi a segunda máis elevada da UE para a xente moza, só superada por Grecia (39,1%) e seguida de Italia (28%). Na Galiza, con base na EPA, a taxa é de 24,3%.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A taxa de paro da Eurozona cae a 7,2%, tres puntos menos que na Galiza
comentarios