En tanto que a Unión Europea soporta outra vaga o Reino Unido avanza na desescalada

O Goberno ofrecerá dous tests gratuítos á semana.
EuropaPress_3633376_05_april_2021_united_kingdom_london_uk_prime_minister_boris_johnson_speaks
photo_camera O primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, en Downing Street (Stefan Rousseau / PA Wire)

O primeiro ministro británico, Boris Johnson, confirmou este 5 de abril que a partir da vindeira segunda feira reabrirán os comercios que venden produtos non esenciais en Inglaterra, tras os bos datos sobre o control do coronavirus. Nunha conferencia de prensa na residencia oficial de Downing Street, Johnson dixo que o esforzo da poboación para cumprir coas medidas restritivas permitiu a posta en marcha desta segunda fase da folla de ruta.

Desde ese día tamén poderán reabrir barbarías, ximnasios, salóns de beleza ou pubs (bares). Un calendario similar ao marcado no resto de nacións que conforman o Reino Unido. No caso de Escocia, por exemplo, a apertura darase o 26 de abril.

Cómpre lembrar que no caso de Inglaterra, que non ten competencias propias como Gales, Irlanda do Norte ou Escocia, é o Goberno británico quen toma as decisións sobre o territorio.

"Na segunda feira 12, eu mesmo irei ao pub, con precaución mais inevitabelmente levando unha pinta de cervexa aos beizos", apuntou Johnson. Non obstante, polo momento só o poderá facer ao aire libre.

Folla de ruta

A primeira fase da folla de ruta comezou o 29 de marzo, cando se levantou a petición de non saír de casa. E o 17 de maio está marcado como o día en que se retomarán as viaxes internacionais, aínda que Johnson pediu prudencia ante a situación noutros países. Ademais, tamén admitiu que aínda non se sabe o nivel de protección das vacinas en caso de haber un aumento dos contaxios.

Mais é o éxito na campaña de vacinación que permite avanzar na desescalada. Desde decembro, o Reino Unido vacinou 5,4 millóns de persoas e administrou máis de 31,5 millóns de primeiras doses, case a metade da súa poboación total.

Por outra banda, o Goberno británico anunciou que ofrecerá dous test de coronavirus á semana de forma gratuíta.

Comentarios