A OMS afirma que a lentitude do proceso de vacinación en Europa é "inaceptábel"

A zona europea da organización alcanza as 750.000 mortes por Covid.
EuropaPress_3628977_31_march_2021_spain_santander_health_worker_administers_the_astrazeneca
photo_camera Vacinación na localidade española de Santander, esta semana (Celestino Arce Lavin / ZUMA)

A Organización Mundial da Saúde (OMS) critica a lentitude "inaceptábel" da vacinación contra a Covid en Europa, continente que padece a situación epidémica "máis preocupante" desde "hai meses". A queixa coincide co feito de Europa alcanzar a cifra de 750.000 mortes pola doenza desde o inicio da pandemia.

"O ritmo lento da vacinación prolonga a pandemia", lamentou a sección europea da OMS nun comunicado, onde se subliña que o número de novos casos en Europa progresou con forza nas últimas cinco semanas.

"As vacinas son a nosa mellor forma de saír da pandemia. Non só funcionan, senón que tamén son moi eficaces para limitar as infeccións. No entanto, o despregue destas vacinas é inaceptabelmente lento", afirmou o director de OMS Europa, Hans Kluge, citado no comunicado de prensa. 

"Déixenme ser claro: necesitamos acelerar o proceso aumentando a produción, reducindo as barreiras para a entrega de vainas e usando calquera dose que teñamos en existencia", dixo. "Actualmente a situación rexional é a máis preocupante que observamos desde hai varios meses", insistiu. 

Na zona europea da OMS, que inclúe uns 50  países, entre estes Rusia e varios Estados de Asia central, o número de novos falecementos superou os 24.000 a semana pasada e achégase "rapidamente" á marca do millón, segundo salientou a organización internacional. 

Ademais, o número de casos semanais chegou a 1,6 millóns, en tanto que caera por baixo de un millón hai só cinco semanas.

Arreporse ao cansazo

A OMS cualificou de "necesarias" as novas restricións pola repunta de casos, o avance da cepa británica e o aumento da mobilidade por Semana Santa.

"A situación da rexión é agora máis preocupante do que vimos en varios meses", reiterou a directora rexional de Urxencias da OMS en Europa, Dorit Nitzan. Na súa opinión, hai ademais "riscos asociados" ao "aumento da mobilidade" e ás reunións nestas xornadas festivas, dixo.

Un total de 27 países europeos aplican actualmente restricións de distinta intensidade, dos que 21 impuxeron toques de recoller. Nas últimas dúas semanas,  23 Estados endureceron as súas medidas para frear a propagación da pandemia, en tanto que 13 relaxaron as restricións.

"Non nos podemos permitir ignorar o perigo. Todos temos que facer sacrificios, non podemos deixar que nos venza o esgotamento. Debemos continuar freando o virus", afirmou Kluge.

Comentarios