O Tribunal Supremo condena o fiscal xeral do Estado a dous anos de inhabilitación por revelación de segredos

Álvaro García Ortiz. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Álvaro García Ortiz terá que pagar 10.000 euros por danos morais á parella de Díaz Ayuso.

A pesar de que durante o litixio non se mostrou ningunha evidencia que certificase a súa culpabilidade, o Tribunal Supremo do Estado español considerou culpábel a quinta feira Álvaro García Ortiz, fiscal xeral estatal, por un delito de revelación de segredos, condenándoo a dous anos de inhabilitación para o cargo e a pagar unha multa de 7.200 euros, unha indemnización de 10.000 euros a Alberto González Amadorparella da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso– por danos morais e as custas procesuais.

A sentenza aínda non fora redactada cando a maxistratura adiantou a súa decisión, posto que Susana Polo, a autora do borrador de veredicto e que propuxo a absolución, foi unha das dúas xuízas, canda Ana Ferrer, que votaron en contra da condena, polo que fixeron público que presentarán un voto particular detallando a súa postura. 
Pola contra, outros cinco membros do tribunal, todos da póla máis conservadora do sistema xudicial, a diferenza de Ferrer e Polo, apoiaron o auto de culpabilidade. Desta maneira, finalmente será Andrés Martínez Arrieta, presidente da Sala Penal, o encargado de redactar a condena.

O caso naceu da tentativa do PP de evitar a presión pública sobre Ayuso unha vez que transcendeu que a súa parella cometera dous presuntos delitos fiscais ao non pagar 350.000 euros a Facenda tras deseñar unha trama de facturas falsas e empresas pantalla. Estes delitos foron admitidos á Fiscalía nun correo enviado polo seu avogado, Carlos Neira, ao Ministerio Público para pedir un acordo. Nese momento, e como confesou no xuízo o xefe de Gabinete de Ayuso, Miguel Ángel Rodríguez, este último lanzou un bulo que deixaba entrever que Amador estaba a sufrir unha persecución política, ao asegurar que fora a Fiscalía a que lle ofrecera un entendemento antes de recuar tras recibir “ordes de arriba”, e enviou á prensa un correo do fiscal que investigaba Amador.

Co fin de desmentilo a través dunha nota de prensa, a Fiscalía Xeral pediu o expediente da parella de Ayuso, e, tras publicar o xornal El Mundo na noite do 13 de marzo deste ano a versión falsa difundida por Rodríguez, comezou a circular en varios medios de comunicación o correo que remitira Neira á Fiscalía.

Tres dos xornalistas que testemuñaron no proceso xudicial aseveraron que tiveron con anterioridade acceso á mensaxe, subliñando que non foi o fiscal xeral quen llo proporcionou. Un deles, Miguel Ángel Campos, da Cadena SER, pormenorizou que ao mediodía dese día xa vira o correo, mais a súa fonte prohibíralle publicalo, condición que mudou após a noticia de El Mundo.

A raíz disto, Amador demandou García Ortiz, polo que o caso quedou en mans do maxistrado do Supremo Ángel Hurtado, que levou a cabo a instrución. Hurtado, vinculado co PP, foi chave á hora de que a causa chegase a xuízo malia non lograr indicios de peso de que o fiscal xeral estivese detrás da filtración, e chegou a afirmar que a nota de prensa e o suposto envío do correo aos medios constitúe unha “unidade de acto”.

No tocante a unha posíbel apelación, García tería primeiro que presentar un incidente de nulidade perante o TS. Aínda que non adoita ter éxito constitúe o primeiro paso para despois levar a causa ao Tribunal Constitucional (TC). En todo caso, García Ortiz converterase no primeiro fiscal xeral español en ser inhabilitado, logo de ser o primeiro condenado en primeira instancia e o primeiro sometido a un xuízo penal.

Após a intensificación da xudicialización da actividade política no Estado español que se desatou durante o proceso de autodeterminación catalán, no marco do control por parte dos conservadores do sistema xudicial, o litixio contra García Ortiz supón o apoxeo do que desde as forzas progresistas e soberanistas se denuncia como lawfare.

O Executivo prepara a remuda na Fiscalía

Semana e media despois de que o presidente español, Pedro Sánchez, afirmara que o “fiscal xeral é inocente, e máis aínda tras o visto no xuízo”, o Goberno de coalición con Sumar como forza minoritaria comunicou que respecta pero non comparte a decisión xudicial, e indicou que se activará nos vindeiros días o “proceso de nomeamento” da persoa que o substituíra, recoñecendo ao tempo o labor de García Ortiz “en defensa da lei e a verdade na súa etapa á fronte da Fiscalía Xeral”.

En paralelo, fontes do PSOE sinalaron que o veredicto é “moi grave”, e Sumar definiuno como un “golpe xudicial en toda regra”, engadindo que se trata dun intento de “desestabilizar” o Executivo español ao “interferir na vida democrática”. Neste contexto, o certo é que non é habitual a celeridade coa que se desenvolveu o caso, nin que se adiante a decisión antes de estar escrita a sentenza.

O presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, celebrou o auto remarcando que “pesará sempre sobre Sánchez”, que “só pode evitar un maior bochorno institucional pedindo perdón aos españois por esta chapuceira operación política e mostrando o seu respecto ao Supremo”. Tamén se gabou da resolución a ultraespañolista Vox, que formou parte das acusacións particulares, entre as que tamén estaban outras organizacións de extrema dereita.