O PP boicotea o inicio do ano xudicial e o fiscal xeral defende a súa presenza
Perelló insiste na independencia da Xustiza.
O líder do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, e os seus correlixionarios José Luis Martínez Almeida, alcalde de Madrid, ou Pedro Rollán –que aduciu un asunto familiar–, presidente do Senado, non estiveron a sexta feira no acto de apertura do ano xudicial, ao que si acudiu o fiscal xeral, Álvaro García Ortiz.
Ortiz foi imputado polo sistema xudicial, controlado polos conservadores, por presunta revelación de secretos, no marco da campaña da dereita e a ultradereita, que o acusan a pesar da falta de evidencias de filtrar un correo coa confesión de varios delitos fiscais por parte de Alberto González Amador, parella da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.
Con ela estiveron precisamente a sexta feira nun acto Almeida ou Feixoo, que insistiu en que é unha “total anomalía” a participación de Ortiz no evento, despois de que as asociacións xudiciais conservadoras lle demandaran non asistir “por respecto ao rei”, Felipe VI, tamén presente. Ademais, as e os membros do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) que foron propostos polo PP pediron á súa presidenta, Isabel Perelló, que lle comunicase “a inconveniencia de intervir” ao fiscal.
Chegada a súa quenda, Ortiz, que está á espera de que se avance cara ao xuízo, abordou no acto a situación, subliñando que “son plenamente consciente das singulares circunstancias”, antes de defender que “se estou aquí como fiscal xeral do Estado é porque creo na xustiza”.
En todo caso, unha vez finalizada a súa intervención recibiu uns aplausos moi pouco habituais, da mesma maneira que Perelló, que criticou as “insistentes descualificacións á Xustiza procedentes dos poderes públicos”. A maxistrada abundou en que as decisións xudiciais contan “con independencia e imparcialidade”, mais matizou que “independencia non equivale a libre arbitrio”.
O discurso foi contestado por Pablo Bustinduy (Sumar), ministro de Dereitos Sociais, que pediu abandonar as “hipocrisías”, recordando a “instrumentalización de procesos xudiciais para producir efectos políticos”.
O Ministerio Público tamén ofreceu datos sobre a criminalidade, que amosan que o pasado ano se presentaron case 200.000 denuncias nos Xulgados de Violencia Sobre a Muller, case as mesmas que en 2023. Neste punto, Ortiz destacou que desde 2009 as denuncias falsas por violencia machista foron 0,0082% do total.
O documento salienta que en 2024 até 42% dos delitos de odio se produciron en internet e as redes sociais, e no tocante aos lumes forestais ese exercicio, unha cuarta parte foron intencionados, e máis da metade debéronse a neglixencias.
