Descobren un software espía israelí en 50.000 móbiles de xornalistas, activistas e políticos

‘ The Washington Post’ revelou unha lista de 50.000 teléfonos de todo o mundo que serían vítimas do programa de espionaxe israelí  Pegasus.

Unha persoa usa o móbil (Foto: Nós Diario).

A asociación sen ánimo de lucro ‘Forbidden  Stories’, con sede en París, realizou unha investigación onde conclúe que no mínimo 50.000 móbiles foron obxectivos do programa espía Pegasus da empresa israelí NSO. The Washington Post publicou a lista onde figuran xornalistas, activistas, políticos, empresarios e disidentes gobernamentais ao redor de todo o globo.

Na lista, onde aparecen supostos obxectivos e persoas de interese para os Gobernos clientes de  NSO, figuran personalidades como a esposa e a prometida do xornalista disidente saudita  Jamal  Khashoggi, que en 2018 foi asasinado no consulado saudita de Istambul.

Ademais hai xornalistas de medios como CNN,  The  Associated  Press,  Voice  of  America, The New York Times, The  Wall  Street  Journal,  Bloomberg, Le Monde, Financial Times, ElPaís ou Al  Jazeera.

Nunha nota de prensa,  NSO negou todas as acusacións e ameazou ‘ Forbidden  Stories’ con “presentar unha demanda por difamación”. Ademais, engadiu que as fontes que utilizou ‘Forbidden  Stories’ carecen de “base”.

Con todo, a fonte de información da investigación foron as propias vítimas do hackeo. Amnistía Internacional (AI) realizou unha análise forense aos teléfonos que poderían estar a ser espiados no seu laboratorio de seguridade e así foi como conseguiron as probas para confirmar as sospeitas.

Nun comunicado, AI subliñou que ese software espía utilizouse para “facilitar a comisión de violacións de dereitos humanos a gran escala en todo o mundo”. A secretaria xeral da organización,  Agnès  Callamard, destacou que a información revelada “pon ao descuberto que o software espía de  NSO é a arma preferida dos gobernos represivos que tentan silenciar xornalistas, atacar a activistas e esmagar a disidencia, poñendo en perigo innumerables vidas”.

Supostamente, só corpos policiais e Gobernos poden adquirir o programa  Pegasus. A empresa defende que o programa se utiliza para interceptar redes de narcotráfico, pedofilia e prostitución e previr “o crime e actos terroristas”.

Comentarios