O Sinn Féin presenta unha moción de censura contra o Goberno de coalición irlandés
A presidenta do Sinn Féin, Mary Lou McDonald, anunciou esta sexta feira que a formación irlandesa defenderá unha moción de censura contra o Goberno de coalición, despois de que este perdera a súa maioría parlamentaria a comezos desta semana.
Tal e como ela mesmo explicou na súa conta de Twitter, "hoxe presentamos a moción de censura ao Goberno. Este Goberno perdeu a súa maioría parlamentaria, non logrou abordar as crises do custo de vida e da vivenda".
"Este Goberno está fóra da realidade e fóra de tempo. Necesitamos un executivo que poña as persoas traballadoras e as familias por diante", engadiu.
A decisión do deputado Joe McHugh de deixar de ser o encargado de cumprir a disciplina de voto do partido conservador Fine Gael, que se traduciu no voto en contra dunha serie de medidas do Goberno de coalición, foi a detonante desta moción de censura presentada polo Sinn Féin.
Goberno de coalición en minoría
Até o de agora, o Goberno irlandés era asumido por unha coalición conservadora que sumaba maioría absoluta, conformada polo mencionado Fine Gael e as formacións Fianna Fáil e o Partido Verde.
Pese a que moción de censura do Sinn Féin ten todas as previsións de non prosperar, polo gran número de deputados independentes que votarán en contra, a perda da maioría absoluta pode levar á ingobernabilidade do país a partir do outono.
Nas últimas sondaxes publicadas a finais de maio deste ano, o apoio ao Sinn Féin atinxiu un novo máximo por segundo mes consecutivo. É o mellor resultado para o SF nestas sondaxes que se fan desde 2003. O partido republicano ten un maior apoio, 36%, que a suma de apoios dos dous partidos que forman o Goberno da República e que levan dominando a escea política irlandesa desde o nacemento deste estado, hai cen anos.
Co aumento do custo da vida como tema dominante na política nestes momentos, precisamente un dos motivos que esgrime o Sinn Féin para presentar unha moción de censura, esta sondaxe indica que o maior partido da oposición segue gañando apoio.