'Shutdown': os EUA entran en situación de feche de Goberno e os servizos federais 'non esenciais' deixan de funcionar
Os Estados Unidos comezaron esta cuarta feira (ás 6 da mañá na Galiza) un fechamento do Goberno, o que implica frear calquera gasto non esencial. Sen pacto entre o Partido Repúblicano e o Partido Demócrata, o primeiro fechamento en case sete anos supón que todas as axencias federais paralicen a maioría das actividades consideradas non imprescindíbeis.
Por contra, si se manteñen todas aquelas consideradas imprescindíbeis, as que se desempeñan na protección de vidas e bens. Iso si, o persoal laboral farao sen cobrar até que haxa un entendemento sobre o gasto gobernamental. Tamén se manterían os envíos de parte das axudas sociais e os cobros de impostos, mais sen inspeccións fiscais.
A diferenza de ocasións anteriores, o presidente, Donald Trump, aparentaba estar buscando esta situación, e Russell Vought, director da Oficina de Xestión e Orzamento, dependente da Casa Branca, ordenou ás axencias federais que valoren aproveitar para implementar unha "redución de persoal", despedindo persoas cuxo traballo estea relacionado cos fondos que quedarían suspendidos ou con tarefas "incongruentes" coa axenda do mandatario.
Negociacións con Trump
Vought é un "político corrupto e con mala intención", respondeu Hakeem Jeffries, líder demócrata na Cámara de Representantes. Canda Chuck Schumer, que encabeza os demócratas no Senado, Jeffries reuniuse con Trump para tratar de buscar un entendemento.
A contestación de Trump chegou a madrugada da terza feira, poucas horas despois da xuntanza, coa publicación dun vídeo manipulado con intelixencia artificial (IA) no que se ve Jeffries con bigote e un sombreiro mexicano e Schumer falando cunha voz falsa.
Perante a falta de acordo, pois sería preciso o apoio de cando menos sete senadoras e senadores demócratas para que calquera pacto (que logo tería que ser sancionado por Trump) para que supere os tres quintos requiridos na Cámara Alta para que se produza unha votación, a última opción para evitar o fechamento do Goberno é unha extensión nese órgano do financiamento federal durante sete semanas para poder abordar un proxecto de lei máis amplo.
Con todo, para avalar isto, os demócratas exixían continuar coas axudas para que millóns de persoas sen seguro sanitario privado poidan seguir accedendo a servizos de saúde, amais de reverter algúns recortes neste campo, algo que non foi aceptado por Trump e que avoca os Estados Unidos a continuar na actual situación até que haxa un entendemento.

