Luz verde á reforma de Milei que amplía a xornada laboral a 12 horas

O Executivo de Javier Milei conseguiu na madrugada desta quinta feira que o Senado lle dea o visto e prace á nova reforma laboral. Con todo, a súa implantación non é segura porque necesita o apoio da Cámara dos Deputados arxentina, que votará a súa aprobación en dúas semanas. Os sindicatos destacan que esta reforma converte en "escravo ao traballador" e xa comezaron as primeiras protestas en Bos Aires. 
Miles de persoas saíron as rúas en Bos Aires este 12 de febreiro para denunciar as consecuencias que tería esta reforma. (Foto: Daniella Fernandez Realin / ZUMA P / DPA)
Miles de persoas saíron as rúas en Bos Aires este 12 de febreiro para denunciar as consecuencias que tería esta reforma. (Foto: Daniella Fernandez Realin / ZUMA P / DPA)

O Senado de Arxentina aprobou na madrugada desta quinta feira a reforma laboral proposta polo presidente do Estado arxentino, Javier Milei, que en palabras do sindicato arxentino ATE Capital é unha medida "escrava e en beneficio do capital", apuntou a Nós Diario Ignacio Cámpora, integrante deste sindicato. Entre as medidas que quere implantar o Goberno arxentino está a substitución dos límites horarios das xornadas por "bancos de horas". Isto implicaría estender a xornada laboral até 12 horas: "Unha desregulación onde a xornada laboral que hai actualmente en Arxentina, de 9 horas diarias,  podería chegar a converterse en 10 ou 12 horas ou incluso máis", sinalou Cámpora. 

Outro dos "puntos críticos" é a extensión do período de proba para as persoas que empezan a traballar en calquera empresa, que xa fora modificado e "que podería chegar a durar até un ano con esta nova reforma". En canto ás indemnizacións, o traballador arxentino ten garantido por lei a día de hoxe que o empresario, ao finalizar a relación laboral, lle ten que aboar un soldo por ano. Agora, con isto, o traballador faría achegas a un fondo privado e este liquidaríase no momento do despido. "O traballador paga o seu propio seguro de desemprego que se aboaría por cotas, cando até agora era nun único pago", destaca o sindicalista de ATE Capital, Ignacio Cámpora. 

Aliás, a reforma tamén contempla que en caso de accidente ou enfermidade allea ao traballo, a persoa recibiría 50% do seu salario básico durante tres meses se non ten persoas a cargo, e durante seis se as ten. Tamén valora limitar o dereito á folga e infraccións por protestas e accións sindicais.

Con todo, o visto e prace do Senado con 42 apoios, 30 votos negativos e ningunha abstención, non implica que a reforma entre en vigor de maneira inmediata para os traballadores arxentinos. Aínda falta a súa ratificación por parte da Cámara dos Deputados, que votarán se a aproban ou non dentro de dúas semanas. No caso de obter a negativa dos deputados, a reforma deberá ser modificada. 

O documento agora a debate xa sufriu máis de 50 cambios con relación ao ditame asinado en decembro do pasado ano, segundo recolle o diario La Nación, cando a ex ministra de Seguridade de Milei e actualmente senadora Patricia Bullrich fracasou no seu intento de darlle un tratamento "exprés" a un proxecto de máis de 200 artigos. Ademais dos senadores, a votación no Senado contou coa presenza da secretaria xeral de Presidencia e irmá do mandatario, Karina Milei; o portavoz e xefe do Gabinete de ministros, Manuel Adorni, e o titular de Interior, Diego Santilli, quen celebrou o resultado desde un palco do hemiciclo. Na súa conta da rede social X, o presidente arxentino tamén celebrou esta "vitoria": "Histórico, VLLC [Viva a liberdade carallo]", publicou ao acabar a votación do Senado. 

Os sindicatos, en alerta

A pesar de que non está decidido que este sexa o futuro dos traballadores e traballadoras arxentinos, os sindicatos alertan do que podería supor esta medida que cualifican como "escravista" e que tamén tería repercusión nos propios sindicatos. "Este proceso remata beneficiando o capital e, ademais, hai un ataque nas organizacións sindicais, nos que se discute a cota que achega cada traballador e traballadora", destacou Cámpora.

Por iso, por como afectaría esa reforma á clase traballadora e ao dereito sindical, insta os deputados e deputadas a que voten en contra dentro de dúas semanas: "Os deputados son electos pola sociedade no seu conxunto, tamén polos traballadores, e deberían representar os intereses da maioría da poboación que é traballadora. Deberían oporse á lei deste Goberno propatronal", subliñou. O enfado da clase traballadora era notorio onte nas rúas de Bos Aires onde "os sindicatos principais do Estado mobilizaron ao redor 50.000 persoas", cifrou Cámpora.  

Comentarios