Sánchez dá o visto e prace a Yolanda Díaz como a súa vicepresidenta segunda

"Eu teño a mellor das opinións da actual ministra de Traballo", destaca o presidente do Goberno do Estado español, que prevé unha "continuidade" na acción da equipa. Así mesmo, recoñece ter desexado sorte nas eleccións madrileñas a Pablo Iglesias, se ben "non tanta" como ao candidato do PSOE, Ángel Gabilondo.
Díaz nun acto decorrido hai escasos días. (Foto: Ministerio de Traballo)
photo_camera Díaz nun acto decorrido hai escasos días. (Foto: Ministerio de Traballo)

"Eu teño a mellor das opinións da actual ministra de Traballo". Desta forma o presidente do Goberno do Estado español, Pedro Sánchez, deu por boa a proposta de Pablo Iglesias de que sexa a galega Yolanda Díaz quen o substitúa na vicepresidencia segunda dada a súa marcha para encabezar a proposta de Unidas Podemos ás eleccións da comunidade de Madrid.

Sánchez, que estaba en Francia para unha reunión co seu homólogo no país veciño, Emmanuel Macron, afirmou que "non vai haber ningún tipo de problema" co cambio. Desde o seu punto de vista, a xestión da que fora dirixente de Esquerda Unida é "extraordinaria".

Malia que Iglesias afronte unha nova etapa, para o presidente haberá "continuidade, como non pode ser doutra forma" no pacto de Goberno entre o PSOE e Unidas Podemos.

"Xa dixen que estaba satisfeito co funcionamento do Goberno de coalición", engadiu.

Preguntado polos medios sobre como soubo da mudanza de papeis, contou que Iglesias fíxolle chegar a súa decisión de abandonar o Executivo esta segunda feira, antes de dicilo de maneira pública. Após coñecer o seu destino desexoulle boa sorte.

"Non tanta sorte, ou menos, que ao candidato do PSOE, Ángel Gabilondo, pero evidentemente desexeille sorte na súa nova andaina política e tamén lle recoñecín a achega que fixo este ano á fronte dunha carteira tan importante como o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030", destacou.

Nas próximas xornadas chegarán os movementos estruturais para facilitar a saída de Iglesias coa menor afección aos asuntos que están a ser tratados nestes momentos. "Ten todo o respecto Unidas Podemos na súa participación no Goberno e na súa composición, e na repartición que fixemos desas funcións, hai unha Vicepresidencia Segunda que representa a Unidas Podemos no Goberno", destacou, en todo caso.

Comentarios