Rusia advirte de que "un grupo de asalto anfibio" dos Estados Unidos prevé chegar ao Irán coincidindo co final do cesamento do fogo

Marines dos Estados Unidos durante un ensaio de asalto anfibio en Diego García, nas británicas illas de Chagos, hai menos de tres semanas. (Foto: Europa Press / Contacto / Lcpl. Victor Gurrola / U.S. Ma)
Trump repite por enésima vez que a guerra contra Irán pode acabar "de inmediato". Mais o país persa non se fía das palabras senón dos feitos e, como advirte Rusia, o despregue de tropas supón un indicio moi claro de que as conversas de paz poderían ser empregadas polos EUA para gañar tempo antes dun ataque terrestre. 

Rusia advertiu esta cuarta feira de que "os Estados Unidos e Israel poderían aproveitar as conversacións de paz para preparar unha operación terrestre contra Irán", apuntando a que non lograron "totalmente" os seus obxectivos militares, ás "interpretacións diametralmente opostas" sobre o significado do cesamento do fogo, así como á situación da navegación no estreito de Ormuz.

O Consello de Seguridade do Goberno ruso asegura que "un grupo de asalto anfibio" dos Estados Unidos ten prevista a chegada ao mar Arábigo "coa expiración do cesamento do fogo de dúas semanas". Por outra parte, o organismo indicou que, "actualmente, as autoridades iranianas manteñen o control" do país e, ademais, posúen "unha cantidade significativa de armamento".

Pola contra, Donald Trump, o presidente dos Estados Unidos, afirmou esta cuarta feira, unha vez máis, que o conflito podería resolverse "case de inmediato", poñendo como condición para que isto aconteza que Irán "non pode ter un arma nuclear". Con todo, o certo é que os EUA, como advertiu Rusia, seguen co despregue de novas tropas na rexión de Oriente Medio.

China "está moi contenta"

Trump asegurou esta cuarta feira que está reabrindo o estreito de Ormuz e que o bloqueo desta vía marítima non volverá repetirse. "A China está moi contenta de que estea a abrir permanentemente o estreito de Ormuz. Estou a facelo por eles, e polo mundo", afirmou. "Esta situación nunca volverá repetirse", engadiu o presidente. Ademais, volveu afirmar que Beijing "acordou non enviar armas a Irán".

Ao comentar a súa futura visita á China, o presidente dos Estados Unidos manifestou que o seu par chinés, Xi Jinping, daralle "un forte abrazo" cando chegue ao país asiático nunhas semanas. "Estamos a traballar xuntos de forma intelixente e moi eficaz! Seica non é mellor que pelexar? Mais lembren, somos moi bos pelexando, se é necesario, moito mellores que ninguén!", concluíu.

Con todo, previamente, o secretario do Tesouro dos EUA, Scott Bessent, asegurou que as autoridades chinesas "non van poder obter o seu petróleo [do Irán], poden conseguir petróleo, mais non petróleo iraniano ", dixo referíndose ao bloqueo naval estadounidense contra o país persa.

Segundo manifestou Bessent, a China compraba máis do 90% do petróleo iraniano, o que constituía ao redor do 8% das súas importacións anuais. Ademais, sostivo que o fechamento estadounidense do estreito de Ormuz non permitirá que ningún barco chinés nin doutro país, que entre ou saía de portos iranianos, pase pola importante vía marítima.

Neste sentido, o Mando Central o Exército dos Estados Unidos asegurou esta cuarta feira que mantén bloqueados os portos do Irán, así como "paralizado por completo" o comercio económico que "entra e sae" do país por vía marítima.

Dereitos lexítimos do Irán

Porén, aínda que Trump sinalara que a China "está moi contenta" coa actual situación, o ministro de Relacións Exteriores chinés, Wang Yi, instou pouco despois a respectar e salvagardar a soberanía, a seguridade e os dereitos lexítimos do Irán, en particular pola súa localización estratéxica ao longo do estreito de Ormuz.

As declaracións producíronse durante unha conversación telefónica co ministro de Asuntos Exteriores iraniano, Abbas Araqchi. Ademais, Wang subliñou a importancia de garantir a liberdade e a seguridade da navegación internacional nesa vía crucial para o comercio enerxético global.

Así, se os Estados Unidos persisten na agresión, a situación podería ir aínda a peor. A este respecto, o Exército do Irán advertiu esta cuarta feira que podería proceder ao fechamento do mar Vermello, ademais das súas restricións no estreito de Ormuz, se os Estados Unidos manteñen o bloqueo imposto nesta última vía tras o fracaso das negociacións de paz entre Washington e Tehran decorridas o sábado en Paquistán.

Sen "necesidade técnica"

Mais Irán tamén explora a vía contraria, a de chegar a un acordo de paz. O portavoz do Ministerio de Exteriores iraniano, Esmaeil Baqaei, reiterou esta cuarta feira que está aberto a negociar cos Estados Unidos "o nivel e tipo de enriquecemento" de uranio no marco das conversacións para tentar alcanzar un acordo de paz, aínda que subliñou que non renunciará a contar cun programa nuclear con finalidade civil, algo que, afirmou, é parte "dos seus dereitos inalienábeis".

Nesta mesma liña, o director xeral do Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA), Rafael Grossi, afirmou esta cuarta feira que unha posíbel suspensión do enriquecemento de uranio por parte do Irán como parte dun acordo de paz en Oriente Medio é máis unha "cuestión política" que unha "necesidade técnica", mais resaltou que a verificación internacional si sería algo "indispensábel" en calquera pacto.

Neste contexto, unha delegación liderada polo comandante do Exército de Paquistán, Asim Munir, aterrou na capital iraniana, Tehran, no marco dos esforzos para organizar unha nova rolda de conversacións entre Irán e os Estados Unidos co obxectivo de seguir os contactos iniciados a pasada fin de semana para pór fin á guerra. Munir, acompañado por una nutrida delegación e recibido polo ministro Araqchi, tratará de trasladar a posicións estadounidense ás autoridades iranianas. A portavoz da Casa Branca, Karoline Leavitt, abriu a porta esta cuarta feira a retomar as negociacións. "É moi probábel que sexan no mesmo lugar [Paquistán]", dixo.

Moscova sinala que a UE arrisca con provocar unha guerra

Rusia advertiu esta cuarta feira sobre os plans de varios países da Unión Europea e do Reino Unido de aumentar a produción e a subministración de drons a Ucraína para realizar ataques contra territorio ruso, algo que estaría facendo mediante "un maior financiamento para empresas ucraínas e conxuntas situadas en países europeos que producen drons de ataque e os seus compoñentes", detallou o Goberno ruso. "En lugar de fortalecer a seguridade dos Estados europeos, as accións dos líderes europeos están a arrastrar cada vez máis a estes países a unha guerra con Rusia", subliñou o Ministerio de Defensa.

"Escalada drástica"

Así mesmo, o Ministerio de Defensa de Rusia cualificou a decisión como "un paso deliberado que conduce a unha escalada drástica da situación político-militar en toda Europa e á progresiva transformación destes países na retagarda estratéxica de Ucraína". Neste contexto, advertiu que a execución de ataques contra Rusia anunciados previamente por Ucraína utilizando drons supostamente ucraínos mais fabricados en varios Estados da Unión Europea e no Reino Unido é unha cuestión que podería implicar "consecuencias impredicíbeis" na rexión. 

"A declaración do ministerio debe tomarse ao pé da letra: a lista de instalacións europeas que fabrican drons e outros equipos é unha lista de posíbeis obxectivos para as Forzas Armadas de Rusia. Que os ataques se materialicen dependerá do que suceda a partir de agora. Que durman ben, socios europeos!", manifestou esta cuarta feira o vicepresidente do Consello de Seguridade de Rusia e ex presidente do país, Dimitri Medvédev.