Rexistran no Congreso unha lei para evitar que ningunha persoa quede sen vivenda

Representantes das forzas políticas e movementos sociais que impulsan unha nova Lei de vivenda. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Fixaría un tope ao alugueiro nas zonas con subas desproporcionadas e fomentaría os parques públicos de vivenda, obrigando a un investimento en vivenda social na media do resto de Estados da Unión Europea.

Bloque Nacionalista Galego, Coalición Canaria, Candidatura d’Unitat Popular, Compromís, EH Bildu, Esquerra Republicana de Catalunya, Junts, Más País e Unidas Podemos presentaron esta quinta feira na porta do Congreso a Lei de garantía do dereito á vivenda digna e adecuada.

Acompañadas da vintena de organizacións sociais e sindicais que desenvolveron a proposta lexislativa, como a Plataforma de Afectadas pola Hipoteca (PAH), o Movemento Ninguén sen Fogar, CCOO ou UXT, as forzas políticas buscan garantir que a norma que resulte finalmente aprobada inclúa o acceso a unha vivenda accesíbel que evite que ningunha persoa quede sen fogar.

“Agora a pelota está no tellado do presidente estatal Pedro Sánchez e do PSOE”, incidiu a representante da PAH, Lucía Delgado, na presentación dun texto que reclama “asegurar e ampliar o parque público de alugueiro social”, cando menos até o 20% do conxunto de vivendas nas vindeiras dúas décadas, a través da equiparación do investimento neste eido coa media da Unión Europea, do 2% do orzamento estatal.

Regulación de alugueiros

Tamén forma parte da proposta un dos aspectos do acordo de Goberno con Unidas Podemos que o PSOE rexeitou cumprir até o de agora: a regulación dos alugueiros nas zonas que sufriron un incremento desproporcionado do prezo da vivenda.

No caso de que a carga media do alugueiro supere o 30% dos ingresos medios dunha área ou de que os prezos dos alugueiros subiran nos cinco anos anteriores máis do 3% por riba da taxa do IPC, poderanse declarar como zonas de mercado residencial tensado durante cinco anos, o que permitiría determinar unha renda máxima.

O proxecto de lei contén un código sancionador que recolle multas de entre 90.001 e 900.000 euros de aplicarse unha renda de alugueiro que supere en máis do 10% os límites estabelecidos, considerada unha infracción moi grave. As infraccións graves, por superar máis do 8% de diferencia coa renda máxima, estarán sancionadas con multas de 9.001 a 90.000 euros, mentres que as leves -máis do 4%- terán que abonar de 3.000 a 9.000 euros.

Asemade, entre os 94 artigos dos que dispón a proposta, aparece a prohibición de desafiuzamentos de persoas ou familias vulnerábeis mentres non haxa garantía dun realoxamento digno e axeitado, marcando os alugueiros sociais como a primeira opción de tratarse de grandes propietarios.

As entidades que formaron parte da redacción do documento lembran que, a pesar das medidas de protección especial impulsadas por mor da pandemia de Covid-19, no primeiro semestre de 2021 xa se produciran 22.532 desafiuzamentos no Estado, polo que destacan que esta Lei nace “dun conflito social que enfronta a poderosos lobbies financeiros e inmobiliarios que ven na vivenda unha forma de especulación e enriquecemento, co resto da sociedade”.

Reclamación á Sareb

“Hai que priorizar a vivenda pública en réxime de alugueiro”, explica o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, o que axudaría a conter os prezos do mercado privado.

Con todo, reitera a necesidade de evitar despexos e desafiuzamentos, como recolle a proposición rexistrada onte.

Desde o BNG, incide, véñense promovendo políticas de rehabilitación polo alto número de vivendas desocupadas que se rexistran na Galiza, amais de reclamar á Sareb que transfira todas as vivendas coas que conta no territorio, para poñelas a disposición das persoas que as precisan, “non se pode concibir facer outra cousa cando hai un problema de acceso á vivenda”, apunta Rego.