Refuxiadas e confinadas no deserto do Sáhara

A primeiros de abril, as autoridades saharauís anunciaron a suspensión do programa solidario Vacacións en Paz. Na Galiza, 325 familias deixarán de acoller nas súas casas nenos e nenas procedentes dos campamentos de refuxiados de Tinduf, en Alxeria, Mais a colaboración e o contacto continúan para atender as súas demandas.
sáhara campamentos tinduf
photo_camera Refuxiadas saharauís nos campamentos de Tinduf, en Alxeria (Amistad Saharauí).

Despois de 25 anos de viaxes e coidados compartidos, en 2020 as crianzas do Sáhara Occidental refuxiadas nos campamentos de Tinduf, en Alxeria, non van visitar Galiza. A pandemia da COVID-19 provocada polo novo coronavirus e as consecuencias sanitarias derivadas desta crise levaron a Fronte Polisario a suspender o programa Vacacións en Paz. Unha experiencia que, ano tras ano, "contribúe de maneira eficaz e palpábel a aliviar o sufrimento de miles de nenos e nenas saharauís, tendendo unha ponte que chegou a conformar un modelo sen precedentes de convivencia cívica e pacífica entre os pobos, como un espazo para o intercambio cultural".

Estas palabras da Coordinadora Estatal de Asociacións Solidarias co Sáhara expresan o valor dunha das contribucións humanitarias máis importantes do movemento solidario do pobo saharauí. Un piar fundamental para a súa resistencia cuxa cancelación exixirá unha nova cooperación. "Requirirá que actuemos de forma conxunta para lograr que os nosos obxectivos, aspiracións e esperanzas redunden non só no noso beneficio, senón no beneficio de toda a humanidade", advirten na organización.

Confinadas no deserto

Desde a Galiza xa están traballando con este obxectivo, sabendo das dificultades que atravesan nos campamentos do Aaiún, Dajla, Smara, Auserd e Bojador. Todos permanecen confinados desde o primeiro momento, explica Maite Isla, presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí

"A situación nos campamentos saharauís é moi complicada. Se xa o era antes, agora que as súas condicións normais se viron agravadas, é moito máis difícil. As axudas que lles enviaban desde o Estado español familiares desprazados aquí, por traballo, xa non lles chegan. As axudas institucionais tampouco lles están chegando. A cesta básica está totalmente baleira ao igual que os almacéns da Media Lúa Vermella, que atravesan unha situación moi complicada. E todo isto, unido á suspensión do programa Vacacións en Paz, fai que o estean pasando moi mal".

A decisión de fechar os campamentos, asumida polas gobernadoras e as responsábeis das dairas, as unidades administrativas locais da zona, foi inmediata unha vez tiveron noticia dos primeiros contaxios en Tinduf, "a súa cidade de referencia, onde van facer as compras", engade Isla. "No deserto non hai portas pero limitaron as entradas e saídas, sen mobilidade sequera entre campamentos". De se detectar un caso, a poboación saharauí contaría co apoio do colectivo médico cubano, que decidiu permanecer en Tinduf, "como desde hai 40 anos", e tamén co apoio dos servizos sanitarios alxerianos.

Desde a Galiza, o movemento solidario mantense en comunicación telefónica para restabelecer o contacto tanto coas familias como coas Administracións locais. Este ano, unhas 325 familias tiñan solicitada a súa participación no programa Vacacións en Paz. Coa súa colaboración xa contan, asegura Maite Isla, agora "queremos que todos aqueles concellos que destinaban fondos ao programa Vacacións en Paz manteñan as súas achegas co obxectivo de comprar medicamentos e alimentos. Imos empezar a traballar e esperamos conseguilo", afirma.

Caravana solidaria 

Após a suspensión do programa Vacacións en Paz, desde Solidariedade Galega co Pobo Saharauí buscan a forma de reconverter esa iniciativa nun proxecto solidario alternativo capaz de contribuír a paliar as necesidades máis urxentes das nenas e dos nenos saharauís que vivien nos campamentos de refuxiados de Tinduf.

"Estamos facendo unhas máscaras que vendemos a 2,80 euros e cuxos beneficios, 80 céntimos, destinaremos á compra de alimentos e medicamentos". Neste caso, as achegas entregaranllas directamente á Media Lúa Vermella para que merque as provisións que considere máis necesarias. A medio prazo, buscarán dotar e enviar unha caravana solidaria con axuda humanitaria para asistir as crianzas e as súas familias. Confían en podelo facer a finais do verán.

Comentarios