Reaccións encontradas á decisión de Trump sobre o conflito saharauí

O senador republicano dos EUA Jim Inhofe ─á dereita da imaxe─ criticou a decisión de Trump (Foto: James N. Mattis / CC)
O Goberno de Rusia critícao, mentres que o de Francia apoia o seu aliado Marrocos e a proposta autonomista deste para o Sáhara Occidental. 

Rusia considerou esta sexta feira que o recoñecemento por parte dos EUA da soberanía de Marrocos sobre o Sáhara Occidental, anunciado a véspera polo presidente estadounidense, Donald Trump, constitúe "unha violación do dereito internacional".

Sinalouno en declaracións á prensa o viceministro de Exteriores ruso, Mikhail Bogdanov, que considera que o Goberno dos EUA tomou "unha decisión unilateral que excede os límites do dereito internacional e a resolución do Consello de Seguridade da ONU votada polos propios estadounidenses".

Aínda que saudou a normalización das relacións dos países árabes e Israel, despois de Marrocos seguir os pasos dos Emiratos Árabes Unidos, Bahrain e o Sudán, Bogdanov sostivo que "non se deben sacrificar os intereses do pobo palestino" e pediu non esquecer que o problema de Palestina continúa sen se resolver, informou a axencia Sputnik.

Desde os EUA, o senador republicano Jim Inhofe criticou a decisión do líder do seu partido, que cualificou de "decepcionante", segundo informou Al Jazeera.

"O presidente estivo moi mal aconsellado polo seu equipo, dixo, e engadiu que "podía ter feito o acordo sen comerciar cos dereitos dun pobo sen voz", en referencia ao pobo saharauí.

A Fronte Polisario, nun comunicado, dixo que "constitúe unha flagrante violación dun dos dereitos máis sagrados: o dereito dos pobos á autodeterminación", e considerou que "obstrúe os esforzos da comunidade internacional para encontrar unha solución ao conflito".

Plan autonomista

Da outra banda do taboleiro, o Goberno de Francia, aliado de Marrocos, que sinalou que o conflito no Sáhara Occidental implica "un risco permanente de tensións" e defendeu ─como Trump─ o plan de autonomía marroquí como "unha base de discusión seria e críbel", e máis viábel que a autodeterminación.