Catalunya

Quinto aniversario do atentado de Barcelona do 17 de agosto: "Non lles interesa saber a verdade"

As vítimas e as autoridades lembran as vítimas dos atentados de 2017 e decenas de manifestantes, xunto a algúns familiares, exixen coñecer "a verdade" e lamentan o "nulo" apoio recibido por parte das administracións.
Ofrenda floral ás vítimas do 17 de agosto de 2017 na Rambla de Barcelona. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)
photo_camera Ofrenda floral ás vítimas do 17 de agosto de 2017 na Rambla de Barcelona. (Foto: Kike Rincón / Europa Press)

Barcelona conmemorou nesta cuarta feira o quinto aniverasario do atentado do 17 de agosto na Rambla e Cambrils (Tarragona), cun acto de lembranza e de homenaxe ás vítimas no memorial que se instalou no Pla de l'Ós, onde irrompeu a furgoneta que atropelou mortalmente quince persoas.

No evento, que principiou ás 10 horas, participaron vítimas, familiares e representantes institucionais, como o president da Generalitat, Pere Aragonés; a alcaldesa, Ada Colau; o ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta, e a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez. O acto rematou cun minuto de silencio e unha ofrenda floral no lugar dos fatídicos feitos, nunha xornada conducida pola escritora Fàtima Sabeh.

Con todo, arredor de 40 persoas concentráronse nas inmediacións da Rambla exixindo "a verdade" e alertando da "implicación" do CNI neste atentado. "Imos dar un pequeno susto a Catalunya", berrou durante o minuto de silencio un dos manifestantes, en alusión a unhas recentes declaracións do ex comisario José Manuel Villarejo en sede xudicial, nas que atribuía os ataques a un "erro grave" de Intelixencia, que, segundo el, "calculou mal as consecuencias por dar un pequeno susto a Catalunya".

Esta interrupción do minuto de silencio, xunto aos constantes apupos ás autoridades durante o acto, provocou que algunhas das vítimas lles reprochasen a súa actitude durante o acto de memoria e homenaxe das vítimas.

Manifestantes exixindo "a verdade". (Foto: Kike Rincón / Europa Press)
Manifestantes exixindo "a verdade". (Foto: Kike Rincón / Europa Press)

As vítimas séntense abandonadas

Javier Martínez, pai de Xavi, o neno de tres anos que morreu atropelado pola furgoneta, apuntou en declaracións a Europa Press que as familias recibiron "pouca axuda" e que é preciso "buscar a verdade do que pasou". "Ningún político nin institución veu buscarnos, se falei con eles foi porque fun eu buscalos. Non lles interesa, non queren saber a verdade. Esquecéronnos", lamentou.

Martínez asegurou que non asistiu ao quinto acto de homenaxe dos atentados da Rambla porque xa cansou "da hipocrisía, dos políticos e da mala atención". "Cansei de que non fixesen nada. Quero acción, que me chamen para facer cousas. Gustoume que a morte do meu fillo servise para mellorar protocolos. Non quero verlles a cara nin saber nada da hipocrisía", resolveu.

Recomendou ás persoas cunha vivencia similar que busquen axuda psicolóxica e avogados desde un primeiro momento: "É moi importante durante os primeiros meses mover as denuncias e recibir atención médica e psicolóxica, porque se non ao cabo dun ano din que se pasou o prazo e non te recoñecen como vítima".

"Vítimas da burocracia"

Outra vítima do atentado, Miguel López, en cadeira de rodas por un accidente previo, explicou que estaba a pasear coa súa filla pola Rambla cando escoitou berros e viu chegar a furgoneta onda eles: "Desde o primeiro momento souben que era un atentado, tíñao clarísimo".

Contou que durante os segundos posteriores ao paso da furgoneta sufriu "unha especie de terror e de frialdade" e, tratando de escapar do lugar, acabou nun hotel próximo ao mercado da Boqueria, no que se refuxiaron moitas outras persoas. López agradeceu o xesto dunha muller do mercado que lle deu un pexego á súa filla para tranquilizala, á recepcionista do hotel que deixou que se agochasen nunha habitación e a outro mozo que os levou en taxi a el e á súa filla até a súa casa, onde "empezou o outro calvario".

"Ao principio estaba como nunha nube, con adrenalina, en bucle escoitando o ruído do motor da furgoneta que vén cara a ti. Pegaba saltos na cama mentres durmía. Días despois estiven como flotando, asimilando todo o que viviramos. Despois vinme abaixo, só choraba, e pedín axuda psicolóxica. Isto non o podes esquecer nunca, non hai día en que non deixes de pensar niso, vives con iso, é como unha ferida", explicou.

López asegurou que antes do atentado presenciara outros accidentes, e manifestou: "Son cousas duras, pero non é o mesmo. Non é o mesmo ver alguén que está a matar e ver as consecuencias e ese horror. Verte perdido e pensar que vai pasar". Cualificou tamén de "nulo" o apoio recibido por parte das administracións e a clase política: "Que sigan facendo o que queiran, pero que saquen dunha vez a palabra 'vítimas' da súa boca. Es vítima por estar alí e ademais es vítima da burocracia".

"Non quero que me fagades a onda, que necesidade teño de que ma fagades? Simplemente quero escoitar que estades aquí, que nos axudades", concluíu estoutra vítima do atentado.

Comentarios