Italia

Loanzas a Mussolini, militancia no fascismo... Quen é Giorgia Meloni?

Giorgia Meloni, coas siglas do fascista Movimento Sociale Italiano no fondo. (Foto: Jose Antonio, CC BY 4.0)
"Mussolini foi un bo político e todo o que fixo foi por Italia", dixo a líder de Fratelli d'Italia cando dirixía a organización estudantil de Alianza Nacional, herdeira do fascista MSI.
  1. Militancia fascista
  2. Loanzas a Mussolini
  3. "Non aos 'lobbies' LGBT"
  4. "Deus, patria e familia"

A extrema dereita continúa o seu avance en Europa e irrompe con forza en Italia. A líder ultra Meloni será, previsibelmente, a nova primeira ministra após unha contundente vitoria de Fratelli d'Italia nos comicios deste domingo. Mais... quen é realmente Giorgia Meloni?

Militancia fascista

O primeiro contacto de Meloni (Roma, 1977) coa política foi a unha idade temperá, concretamente aos 15 anos, cando se integrou na Fronte della Gioventù (Fronte da Mocidade), a organización xuvenil do Movimento Sociale Italiano, formación fundada en 1947 como sucesora do Partito Fascista de Benito Mussolini.

En 1996 toma as rendas de Azione Studentesca (Acción Estudantil), o sindicato de estudantes vencellado a Alleanza Nazionale (Alianza Nacional), partido encabezado por Gianfranco Fini que colleu o relevo do fascista MSI.

Loanzas a Mussolini

Foi nesta época en Alleanza que Meloni declarou abertamente, en declaracións retransmitidas por televisión en directo, a súa admiración por Mussolini: "Foi un bo político e todo o que fixo foi por Italia".

En Fratelli d'Italia militan na actualidade moitas persoas próximas ao Movimento e ao pensamento fascista do ditador, como é o caso do seu propio bisneto, Caio Mussolini, que concorreu nas listas do partido de Meloni nas europeas de 2019.

"Non aos 'lobbies' LGBT"

Xa como dirixente de Fratelli, Meloni estreitou os vínculos con outras formacións extremistas de Europa como Vox. Na campaña das eleccións andaluzas deste mesmo ano, pronunciou, acompañada dos líderes da formación ultra española, un polémico discurso que evidencia o seu ideario: "Non aos lobbies LGBT, si á identidade sexual. Non á ideoloxía de xénero, si á cultura da vida".

O seu grupo parlamentario na Cámara europea é o dos 'Conservadores e Reformistas', no que tamén se inclúen Vox, Demócratas de Suecia ou os polacos de Lei e Xustiza, entre outras formacións de extrema dereita. Na actualidade a italiana é a presidenta do grupo.

"Deus, patria e familia"

Xa na campaña electoral deste mesmo ano, Giorgia Meloni pronunciou nun acto un lema, "Deus, patria e familia", que empregaban os dirixentes fascistas na década de 1930.

Segundo ela mesma xustificou ante a prensa, non se trata dun slogan fascista, senón do "máis fermoso manifesto de amor". "É o altar e o fogar que sempre estiveron no fundamento da civilización occidental", dixo. A explicación, porén, non serviu á cidadanía italiana que rexeita os crimes do fascismo.