PSOE e Podemos cargan contra o BNG polos orzamentos do Estado

Deputados do PSOE e Unidas Podemos critican a posición do BNG de non apoiar os orzamentos do Estado. Porén, “as contas son as que son e é difícil disimulalas”, di o deputado do BNG, Néstor Rego, criticando que “nun momento en que os investimentos medran 68%, na Galiza baixen 11%”. Parece, engade, “un castigo do Goberno estatal ás galegas e galegos”.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego (Foto: R. Rubio / Europa Press)
photo_camera O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego (Foto: R. Rubio / Europa Press)

O Congreso continúa debatendo os Orzamentos Xerais do Estado para 2021 nuns plenos que iniciaron na segunda feira e culminarán mañá, e nos que cada ministro presenta as partidas dos seus departamentos e os grupos políticos defenden as súas emendas. Entre as contas debatidas esta terza feira, 1 de decembro, tocaron as de Transportes. 

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, chamou a atención do ministro José Ábalos pola caída do investimento na Galiza de 11%, "104 millóns menos que nos orzamentos de Montoro que o PSOE, con razón, dixo que eran unha labazada para as galegas e galegos", sinalou Rego, que non comprende que "nun momento en que os investimentos medran 68% no Estado, na Galiza baixen 11%. Parece un castigo do Goberno estatal á Galiza", lamentou. 

Aliás, o nacionalista cargou contra o argumento do Goberno de que os orzamentos para Galiza baixen pola finalización das obras do AVE. "É falso porque entre eses proxectos está a variante de Ourense, valorada en 600 millóns e para a que só consignan 29" reprochou.

Con todo, Rego remarcou que a prioridade do Bloque son as conexións interiores e lamentou os "cero euros" que se destinan para a conexión do porto exterior da Coruña, a liña desta cidade con Lugo, o Feve Ferrol-Ribadeo e cualificou de "insuficientes" os cartos para a saída sur de Vigo e o corredor atlántico.

PSdeG e En Común cargan contra a posición do BNG 

Para o viceportavoz do PSdeG, Pablo Arangüena, a posición do BNG de non apoiar os orzamentos "fai o caldo gordo a Feixoo, Ayuso, Abascal e a toda a dereita española". O socialista dixo que "é unha completa falacia" que as contas "sexan malas para Galiza" porque, "malia o descenso no investimento directo pola finalización do AVE, estamos significativamente por riba da media en investimento directo do Estado".

O deputado de Unidas Podemos no Congreso e portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, considerou as contas "boas para o  Estado e para as galegas e galegos cun orzamento de 308 euros por habitante". Esta semana, dixo, "aprobaranse uns orzamentos históricos" e engadiu que "os que voten 'non', deberán explicar á que intereses responden". 

Mais segundo afirmou Rego, en declaracións a Nós Diario, son PSOE e Podemos quen teñen que explicar por que votan a favor duns orzamentos que discriminan Galiza e por que din 'non' a emendas do BNG para melloralos, como é a proposta de destinar 20 millóns á conexión ferroviaria do porto exterior da Coruña ou subir as pensión mínimas até equiparalas co salario mínimo interprofesional. 

Comentarios