Siria: Medran as protestas e a resistencia armada aos xihadistas

Reunión de líderes de faccións armadas sirias con Golani (centro), que encabeza de facto a área controlada polos xihadistas no país, o 24 de decembro de 2024. (Foto: APA Images vía ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press)
O Goberno fundamentalista en Damasco enfronta a situación máis tensa desde a caída de Bashar al Assad.

14 “membros do persoal do Ministerio de Interior” do Goberno xihadista que domina boa parte do territorio sirio perderon a vida a mans de “restos do réxime de [Bashar al] Assad” e 10 ficaron feridos na rexión de Tartus, na costa mediterránea, admitiu a quinta feira o titular do organismo, Mohammed Abdel Rahman.

Dúas semanas e media despois da caída de al Assad as protestas contra os xihadistas espállanse polo país, o que os levou a impor un toque de recoller até a mañá da quinta en Homs, Latakia, Jableh e Tartus, derivando nos “disturbios máis xeneralizados” desde que os fundamentalistas, co apoio doutros grupos, tomaron Damasco, sinala a axencia Reuters.

Na rexión de Tartus, a entidade islamista e contraria a al Assad Observatorio Sirio de Dereitos Humanos (SOHR), con sede no Reino Unido, aseverou que os xihadistas, que agruparon parte das faccións armadas que os apoiaron no Departamento de Operacións Militares (DMO), dirixíanse a arrestar o maior xeneral das disolvidas Forzas Armadas Árabes Sirias Mohammed Kengo Hassan –ao que acusan de crimes na prisión de Saydnaya– cando foron emboscados polo seu irmán e persoas armadas, tres das que tamén faleceron, sostivo o grupo.

En paralelo, Interior comunicou que cre que varias persoas morreron e resultaron feridas noutro ataque de forzas leais a al Assad na costa. Alí, na área de Tartus, os enfrontamentos cos xihadistas intensificáronse ao negarse residentes a permitir o rexistro das súas vivendas.

Ademais, o SOHR sinalou que en Homs unha persoa morreu e cinco resultaron feridas nunha protesta despois de que os xihadistas “abriran fogo para dispersar” as manifestantes. Residentes da localidade apuntaron que a mobilización estaba encabezada pola comunidade relixiosa xiíta e a minoría alauita, á que pertence al Assad, e respondía á violencia contra esta última, principal vítima dos masacres por motivos étnicos que se desencadearon desde as primeiras xornadas tras a fuxida do presidente sirio, e que se engadiron a saqueos e unha alza xeneralizada da violencia.

Así como en Homs, milleiros de persoas protestaron a cuarta feira en múltiples cidades costeiras –cun maior peso da comunidade alauita–, impulsadas tamén pola difusión dun vídeo do ataque xihadista contra un santuario alauita en Alepo, que foi queimado e no que foron asasinadas cinco persoas, e tamén se rexistraron peticións para que antigos soldados sexan liberados.

O Executivo xihadista sostivo que o vídeo foi gravado durante o ataque contra Alepo a finais de novembro, acusando grupos descoñecidos e afirmando que a difusión das imaxes busca incitar á loita étnica. En todo caso, prohibiu “a circulación ou publicación de calquera contido mediático ou nova cun ton sectario destinado a difundir a división”.

Despois de prometer medidas enérxicas, os xihadistas lanzaron a quinta unha operación na área rural de Tartus para “controlar a seguridade, a estabilidade e a paz civil, e perseguir os restos das milicias de Assad”, reportou a axencia SANA, controlada polos fundamentalistas islámicos, que engadiu que levou a “neutralizar un certo número” de membros.

A pesar das promesas xihadistas de respectar as minorías, isto súmase ás protestas da comunidade cristiá en Damasco e outros puntos tras ser queimada unha árbore de Nadal perto de Hama.

Ofensiva das SDF

Con todo, os combates na guerra de Siria están agora concentrados no nordés do país, onde as pro kurdas Forzas Democráticas Sirias (SDF) tratan de manter a área autónoma que xestionan, que demandou a quinta feira a Damasco protexer a diversidade e pluralidade de Siria, en alusión ás protestas.

Coa expectación posta nunha posíbel invasión de Turquía, que xa controla canda o Exército Nacional Sirio (SNA), integrado na oposición a al Assad, partes do norte do país, as SDF lanzaron o 23 de decembro un ataque na rexión de Alepo, que lle permitiu avanzar na beira occidental do río Éufrates, con combates na contorna de Manjib, que perderan a comezos de mes.

As SDF, apoiadas polos Estados Unidos, con múltiples bases na área, que acolle os principais xacementos petrolíferos do país, mantén os chamamentos á Organización de Liberación do Levante (HTS), a forza xihadista e considerada terrorista pola Organización das Nacións Unidas (ONU) e os países occidentais que lidera o Goberno en Damasco, para un diálogo político que permita manter a autonomía kurda, mais Abu Mohammad al Golani, o seu líder, xa fechou a porta a “compartir o poder” con outras organizacións.

Malia que os Estados Unidos, o Reino Unido, Francia, Israel, Arabia Saudita ou Qatar tamén armaron os xihadistas nunha guerra que se estende desde 2011, Turquía foi o seu principal aliado nos últimos anos e deu luz verde á ofensiva que acabou co Executivo de al Assad en menos de dúas semanas.

Nese sentido, Golani incidiu en que estabelecerán “relacións estratéxicas” con Ancara, e na visita do ministro de Exteriores turco, Hakan Fidan, reiterou que “non permitiremos a existencia de armamento ou grupos armados fóra do control do Estado”, nunha rolda de prensa na que Fidan asegurou que “non hai lugar” en Siria para as Unidades de Protección Popular (YPG), o principal compoñente das SDF e ás que considera terroristas e vinculadas co Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK).

Poucos días despois, o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, remarcou que ou os combatentes kurdos en Siria depoñen as armas ou serán “soterrados”, ratificando as mínimas posibilidades coas que conta un pacto de HTS e SDF.

O intento de unificación das faccións armadas, entre múltiples incógnitas

A terza feira, o Gabinete xihadista en Damasco transmitiu que alcanzou un acordo con líderes de múltiples faccións armadas opositoras a Bashar al Assad para que se disolvan e fiquen baixo o control do Ministerio de Defensa. Así e todo, con distintos grupos reclamando o control dunha ou doutra área do país, no que o Estado Islámico está a rexurdir, xa transcenderon as primeiras reticencias á medida.

Aínda que os xihadistas subliñaron que o pacto foi con “todos os grupos armados”, entre eles non estaban as SDF, e faccións do SNA, que está no medio dos combates cos kurdos no nordés, rexeitan o entendemento, informou o xornal Le Monde.

Ao tempo, a canle France24 revelou que tamén os combatentes armados de As Suwayda, a principal cidade na que vive a minoría drusa, perto da fronteira con Xordania, comunicaron que non entregarán as armas aludindo “ao medo e á desconfianza”.

Nesa área, no sur do país, é onde Israel ampliou a súa ocupación de territorio sirio a raíz da caída de al Assad e sen resistencia por parte dos xihadistas.

Entrementres, o novo Goberno de Damasco continúa normalizando as relacións con países da contorna logo de recibir diplomáticos occidentais. A quinta foi a quenda do Iraq, que enviou unha delegación para abordar a situación na fronteira común.

A pesar dos movementos na Unión Europea (UE) para que as persoas refuxiadas sirias regresen após tomar o poder os xihadistas, Turquía cifrou en apenas 25.000 persoas o número delas que volveron ao país desde a caída de al Assad.