O primeiro ministro de Xeorxia denuncia ameazas dun comisario europeo: "Xa viches o que pasou con Fico, e hai que ter moito coidado"

"Varios políticos estranxeiros de alto rango nin sequera evitan a chantaxe aberta contra o pobo xeorxiano e o seu Goberno electo", denunciou Kobakhidze.
O primeiro ministro de Xeorxia, Irakli Kobakhidze (Foto: Kay Nietfeld / DPA vía Europa Press).
photo_camera O primeiro ministro de Xeorxia, Irakli Kobakhidze (Foto: Kay Nietfeld / DPA vía Europa Press).

O primeiro ministro de Xeorxia, Irakli Kobakhidze, revelou esta quinta feira que un comisario da Unión Europea (UE) enumeroulle durante unha chamada telefónica unha serie de medidas que Occidente podería tomar no caso de que o seu Goberno seguise adiante cunha lei que obriga ás ONG estranxeiras a facer público o seu financiamento.

Durante a conversación, o comisario tería mencionado, segundo a denuncia feita pública por Kobakhidze e recollida por Politico, así mesmo o intento de asasinato sufrido polo xefe de Goberno eslovaco, Robert Fico. "Xa viste o que pasou con Fico, e hai que ter moito coidado", citou o mandatario xeorxiano sobre as palabras do comisario europeo.

"Varios políticos estranxeiros de alto rango nin sequera evitan a chantaxe aberta contra o pobo xeorxiano e o seu Goberno electo", denunciou Kobakhidze. "Cando se menciona o primeiro ministro eslovaco no contexto dunha chantaxe relacionada coa lei de transparencia, [...] é extremadamente preocupante para nós", agregou.

Kobakhidze sinalou que, segundo a información preliminar, no atentado contra Fico "revélase o rastro de servizos especiais". Tamén subliñou que se trata "dunha forza extremadamente perigosa que está disposta a facer calquera cousa para causar disturbios en Xeorxia". O mandatario explicou que transmitiu a información sobre esta ameaza á sociedade xeorxiana con fins preventivos.

A Comisión Europea nega as ameazas

Respondendo a Kobakhidze, un portavoz de Comisión Europea, en declaracións a Politico, afirmou que "isto non é certo". Un desmentido formal é esperado en breve, engadiu, para subliñar que o primeiro ministro xeorxiano non achegou ningunha evidencia para fundamentar a súa grave acusación.

Pola súa parte, Tina Bokuchava, líder da oposición no Parlamento de Xeorxia pola formación Movemento Nacional Unido, acusou o primeiro ministro de Xeorxia de "promover teorías de conspiración máis dubidosas cada vez".

Comentarios