Twitter claudica ante Elon Musk: facilitaralle toda a información que solicita para concretar a venda da rede social

Diversas ONG manifestaron xa a súa preocupación ante o anuncio de Musk de "non castigar" os discursos violentos e de odio.
Elon Musk fixo unha oferta que rolda os 44.000 millóns de dólares. (Foto: Karl-Josef Hildenbrand / DPA)
photo_camera Elon Musk fixo unha oferta que rolda os 44.000 millóns de dólares. (Foto: Karl-Josef Hildenbrand / DPA)

A multinacional estadounidense Twitter aceptará finalmente as condicións impostas polo magnate Elon Musk para formalizar a compra —por perto de 44.000 millóns de dólares— da popular rede social, logo de que ameazase con rachar o contrato nas últimas datas, segundo vén de informar o xornal The Washington Post.

As negociacións estancáranse hai unha semana, cando Musk exixiu que a compañía proporcionase datos sobre contas falsas e de spam, que el mesmo cifrou en "20% das persoas usuarias", un dato que desde Twitter reduciron a 5%.

O magnate afirma que unha de cada cinco perfís da rede social son falsos

Elon Musk sostén que precisa obter eses datos para realizar a súa propia análise de Twitter porque non cre nas "laxas metodoloxías" coas que a compañía opera actualmente.

Mais agora, segundo o Post, o consello de administración da multinacional teconolóxica valora agora aceptar as demandas do magnate, que esta mesma semana podería recibir toda a información solicitada sobre esas contas falsas e de spam.

O Twitter de Musk

No caso —probábel— de se oficializar a venda, Musk procedería a "optimizar o produto" a través da instauración de algoritmos de código aberto para "acabar cos bots" verificando todas as persoas usuarias humanas.

Preocupación ante os discursos violentos

Porén, diversas ONG manifestaron xa a súa preocupación ante o anuncio de Musk de "non castigar" os discursos violentos e de odio. "A liberdade de expresión non é un dereito absoluto, polo que Twitter precisa investir esforzos para manter os seus usuarios máis vulnerábeis seguros na plataforma", dixo Deborah Brown, de Human Rights Watch (HRW).

Na mesma liña apuntou Michael Kleinman, responsábel de dereitos humanos de Amnistía Internacional: "O último que precisamos é un Twitter que fai a vista gorda no tocante á violencia e os discursos de odio".

Comentarios